Augas de Galicia celebra na Coruña unha mesa de participación no Plan Hidrolóxico 2015-2021
Augas de Galicia celebrou hoxe na Coruña unha mesa de participación activa no novo Plan Hidrolóxico Galicia-Costa. Trátase dun foro aberto a todas as persoas interesadas en coñecer o documento que servirá de base para o desenvolvemento da xestión da auga na demarcación Galicia-Costa os próximos 6 anos. Neste marco, os cidadáns poden debater sobre algún dos temas de máis interese ou facer propostas que completen ou modifiquen a idea inicial da Administración.
O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, asistiu a esta reunión desenvolvida no edificio Monelos, na Coruña, como xa fixera onte en Santiago e o luns en Vigo.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, convoca aos cidadáns a participar no proceso de elaboración do Plan Hidrolóxico 2015-2021 da Demarcación Galicia-Costa. Durante os vindeiros meses, o organismo autonómico Augas de Galicia desenvolverá diferentes actividades para fomentar a máxima participación da sociedade neste proceso.
Esta participación activa consistirá na organización de diferentes talleres, ao longo de toda a xeografía da bacía Galicia-Costa, nos que se dinamice a participación cidadá e cos que se pretende dar a coñecer o proceso de planificación hidrográfica da bacía e fomentar o debate sobre os aspectos incluídos no borrador do novo Plan.
Ademais destas actividades de participación activa previstas para os próximos meses, cabe recordar que, desde o pasado 5 de xaneiro, está exposto a consulta pública o borrador do Plan Hidrolóxico Galicia Costa 2015-2021 e, desde a pasada semana, o Estudo Ambiental Estratéxico deste borrador ao que toda persoa interesada pode acceder a través da propia páxina web de Augas de Galicia e realizar as alegacións que se consideren ata o mes de xullo.











