Augas de Galicia acomete a limpeza do rego Amproba para reducir riscos de asolagamento
Co obxecto de manter a rede fluvial en bo estado para previr desbordamentos, Augas de Galicia acometerá nos vindeiros días a limpeza do leito do regato Amproba, en Bamio. Os traballos consistirán no corte de maleza e retirada de ramas que atascan o leito, así como os residuos sólidos urbanos que poidan terse acumulado.
Os traballos levaranse a cabo ao longo de 1.100 metros do curso do regato, concretamente no lugar de Sordido. Mediante a utilización de desbrozadoras e podadoras realizarase un desbroce selectivo e retirada de postes de viña caídos ao río, retiraranse as ramas partidas e restos vexetais que forman atascos. A recollida de residuos sólidos urbanos farase manualmente.
Esta actuación execútase no marco do marco do contrato do “Servizo de actuacións de conservación, mantemento e mellora do dominio público das bacías de Galicia-Costa no ámbito territorial da zona Galicia Sur e as súas zonas de acceso e protección”. Tamén a través deste proxecto, Augas de Galicia anunciou esta semana unha actuación no río Leiro, ao seu paso pola Laxe, consistente no apeo de 6 árbores secas e enfermas con risco de caída sobre as instalacións da Fundación Lar.











