ATAM e COGAMI presentan en Santiago unha aplicación tecnolóxica que permite unha vida máis autónoma

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Presentación de Vive Libre

Presentación de Vive Libre

A Asociación Telefónica para Asistencia a Persoas con Discapacidade (ATAM) en colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) presentaron esta mañá unha aplicación novidosa que vai permitir tanto ás persoas maiores dependentes, como enfermas crónicas e persoas con discapacidade unha vida máis autónoma.

Denominada ViveLibre (www.vivelibre.es), esta aplicación é unha plataforma que ofrece solucións tecnolóxicas ás persoas con necesidades especiais, para que poidan mellorar a súa calidade de vida e da súa familia. Como opera sobre un Smartphone, o equipo de profesionais de apoio pode actuar de forma proactiva ante calquera incidencia detectada polo sistema, xa que é un servizo que conecta ás 3 partes implicadas: persoa usuaria, familiares e equipo de profesionais de apoio de ViveLibre. Ademais, esta plataforma conta cos servizos máis modernos de xeolocalización e reforza a adherencia ao tratamento a través dos mecanismos como os recordatorios para a toma de medicamentos, citas médicas, etc. En caso de que exista algunha incidencia, salta unha alerta de inmediato a familiares e equipo de atención.

Á presentación de ViveLibre acudiu o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, quen expresou a súa satisfacción e apoio pola innovación e a aparición de axudas técnicas que “contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas”. Para o director xeral de ATAM, Ignacio Azipún, “estamos vivindo un momento de disrupción tecnolóxica que está provocando un profundo impacto na vida das persoas, polo que necesitamos organizacións sociais que garantan que a tecnoloxía se aplique ao servizo das persoas”. 

ATAM crea esta plataforma tras unha experiencia de 40 anos traballando no coidado das persoas e sobre a experiencia das propias usuarias procedentes de diferentes federacións de persoas usuarias repartidas por toda España. 

Entre estas destaca COGAMI, que representa un papel destacado no desenvolvemento do proxecto. Esta participación das propias persoas usuarias garante uns resultados de adaptación e eficacia na aplicación tecnolóxica. 

A presentación en Santiago de ViveLibre estivo arroupada por máis de cen persoas que, aparte de coñecer os beneficios e particularidades da plataforma, puideron escoitar as experiencias de dúas persoas usuarias que explicaron como lles cambiou a vida dende que teñen ViveLibre.

19 de xuño de 2015 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.