publicidade hoxe

As tarefas de reforzo da superficie do peirao comercial de Brens contan cun orzamento de 700.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCeeLocal Portada
A-
A+
José Juan Durán no peirao de Brens

José Juan Durán no peirao de Brens

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou esta mañá o peirao comercial do porto de Brens para comprobar o grao de execución das obras de reforzo da superficie portuaria que se están levando a cabo neste peirao do municipio coruñés de Cee. José Juan Durán manifestou que “neste momento as obras de reforzo da superficie do peirao comercial con formigón especial están exactamente na metade da súa execución e cumpren os prazos previstos”. Esta actuación conta cun investimento de 742.456 euros, que serán financiados cunha partida finalista de Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Esta actuación completará as obras realizadas no peirao de Brens para ampliar a súa capacidade de atraque e permitir a entrada de buques de ata 25.000 toneladas. Dita ampliación xerou unha zona de explanada de 22.000 metros cadrados que as empresas operadoras utilizan como depósito, almacenamento e tratamento de mercadorías.

Para reforzar a pavimentación provisional que se empregará inicialmente na obra de ampliación do peirao e conseguir un mellor aillamento das mercadorías que se depositan nesta zona, Portos de Galicia procederá á pavimentación da metade da explanada de depósitos. En concreto a superficie a pavimentar é de 11.544 metros cadrados, na zona máis próxima ao muro do peirao de atraque. O firme que se proxecta é de formigón vibrado sobre base de grava-cemento.

Con esta actuación dáse resposta ás necesidades dos operadores comerciais que desenvolven a súa actividade no porto de Cee e que precisaban dunha zona de traballo libre de residuos para almacenar as mercadorías, especialmente as ferroaleacións. Deste xeito posibilitaranse ademais operacións con buques de maior tamaño que os que actualmente atracan no peirao antigo.

9 de xuño de 2015 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.