As rapazas da Ximnástica acudirán a Soria coa ilusión do ascenso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+
Rapazas da Ximnástica

Rapazas da Ximnástica

O camiño foi longo pero xa estamos ao termo do mesmo e o vindeiro domingo pola mañá en Soria, o equipo feminino da Sociedade Ximnástica terá unha xanela aberta para retornar á Primeira División do atletismo nacional, na Final da 2ª División Nacional; unha competición que se presenta moi igualada entre os 8 equipos, sen un claro favorito por conseguir unha das dúas prazas de ascenso.

As mulleres da Ximnástica sumarán unha maioría de atletas galegas, xa que tamén estarán o Lucus e o Vila de Cangas en terras sorianas; mágoa que só haxa dúas prazas para Primeira División. Andalucía contará con dous representantes, o Vélez de Málaga e o Bahía Alxeciras de Cádiz. Hinaco Monzón de Huesca, Perciania-Estremadura e as valencianas de Correr o Garvi, completan os oito equipos.

O equipo pontevedrés contará cunha mestura de experiencia e mocidade, nas 20 probas que se disputan e que comezarán ás dez da mañá, para concluír preto das tres da tarde; xa que conxuntamente celebrarase a Final masculina da 2ª División.

O xefe da expedición, o adestrador Santi Ferrer Moreira, convocou a un total de 21 atletas. Lucía Ferrer, Esperanza Caldas, Eva Salvado, Rocío Rodríguez, Barca Toba, Lucía Cardesín, Laura Goñi, Sandra Carballo, Alba Fernández, Inés Martínez, Clara Gil, Paula Martín, Carolina Palomanes, Helena Rey, Mónica Solla, Ángeles Filgueira, Verónica Echeverría, María Jiménez, Emma Ramos, Claudia Puig e Eva Iglesias. 

O 17 de xuño celebrarase a corenta edición do Trofeo Sociedade Ximnástica

Nunha semana, o vindeiro mércores 17 de xuño, a Sociedade Ximnástica de Pontevedra, organiza unha das súas competicións emblemáticas, o Trofeo que leva o seu nome e que levará a cabo nas pistas de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Para os que queren acudir a contemplar a competición, a partir das sete e cuarto da tarde arrincará a mesma co salto de altura, para continuar ás sete e media co groso das probas, o salto con pértega, lanzamento de xavelina feminina e as carreiras, empezando cos 80 metros lisos dos Infantís. Pasadas as nove e media da noite concluirá o Trofeo coas carreiras de substitución. Haberá que esperar a que conclúa o período de inscrición para coñecer aos atletas galegos que acudirán a Pontevedra e que buscarán as mínimas para os Campionatos Nacionais, aínda que serán os atletas pontevedreses os que concorran en case todas as probas.

10 de xuño de 2015 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.