publicidade hoxe

As obras dos bombeos de Esteiro e Sabuqueiro no concello de Boiro remataranse a finais deste mesmo ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiro
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, rematará as obras dos bombeos de Esteiro e Sabuqueiro no Concello de Boiro a finais deste mesmo ano. A responsable de Medio Ambiente do Goberno galego, Ethel Vázquez, participou hoxe no izado dunha Bandeira Azul na praia de Barraña, onde insistiu na importancia investidora en materia de saneamento e depuración que leva facendo o Executivo autonómico este ano.

Ethel Vázquez explicou “o esforzo que se está a levar a cabo en Boiro, que se traduce en actuacións como estas, que permitirán renovar e optimizar o sistema de saneamento, incrementando a eficacia dos sistemas de depuración”.

Esta obra conta cun investimento de preto dun millón de euros e non é a única intervención que se realizará neste municipio, “posto que se está a traballar no proxecto de mellora do colector do río Breiro, unha infraestrutura que será financiada con cargo aos fondos europeos do novo período e que contará cun investimento próximo aos 2 millóns de euros”.

Esta acción inclúe actuacións, tanto na rede de saneamento como na canle do río, tamén se proxecta a renovación do colector do río Breiro case nun quilómetro de lonxitude, para eliminar os caudais de infiltración, o que propiciará un mellor funcionamento do sistema de saneamento (rede de saneamento e EDAR). Así mesmo, separarase a rede de pluviais do núcleo de Boiro, para que poidan ser tratadas, previa vertedura á canle, mediante un estanque de retención cunha capacidade de 1.800 metros cúbicos.

Así mesmo, mellorarase a capacidade hidráulica do río, para emendar os problemas de inundacións e executarase unha senda peonil sobre o trazado do colector, que conectará o núcleo de Boiro co paseo marítimo.

Compromiso do Goberno galego

Vázquez remarcou que son “un conxunto de actuacións que poñen de manifesto o compromiso do Goberno galego pola mellora dos sistemas de saneamento e depuración deste concello; e que, sen dúbida, redundarán no incremento da calidade das augas da ría de Arousa, incidindo de forma positiva na pesca, no marisqueo e no turismo da zona”.

A conselleira de Medio Ambiente quixo tamén destacar o izado da bandeira azul na praia de Barraña, un distintivo que lle permite aos turistas e visitantes identificar, cunha simple ollada, que este areal conta cos servizos axeitados e cunha excelente calidade medioambiental nas súas augas.

Así mesmo, Ethel Vázquez subliñou que “esta non é a única bandeira azul que acadou o concello de Boiro este ano, xa que 5 areais máis contan con este distintivo: Carragueiros, Piñeirón, A Retorta, Saltiño-Barraña e A Ladeira do Chazo, situándose como o segundo municipio con máis bandeiras azuis de toda a provincia da Coruña.

Ademais, o porto deportivo de Marina Cabo de Cruz obtén a Bandeira Azul; o Centro Social foi premiado co distintivo azul polo seu labor de información e educación ambiental e a súa senda litoral, que recoñece a Boiro na categoría de Sendeiro Azul por conservar e manter este vial.

Por último, destacou que Boiro é un dos 40 concellos galegos que contan este ano con Bandeiras Azuis; e, cos seus 6 areais distinguidos, contribúe a que Galicia sexa a Comunidade con máis bandeiras azuis en praias de toda España, 131.

24 de xuño de 2015 | 12:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.