publicidade hoxe

As obras da nova fase de mellora da travesía de Sabarís comezarán a vindeira semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Ethel Vázquez na visita a Baiona

Ethel Vázquez na visita a Baiona

As obras de humanización da nova fase da Travesía interior de Sabarís, no Concello de Baiona, cun investimento previsto de preto de un millón de euros, comezarán a vindeira semana. Segundo informou hoxe a conselleira Ethel Vázquez en Baiona, este venres comezará a instalación dos equipamentos necesarios para poder comezar as obras.

Esta nova fase da actuación, que está enmarcada dentro do Plan Hurbe, consistirá na adecuación da rúa Areas, dende a glorieta Santos Peralba ata o cruce coa avenida da praia Ladeira. O prazo de execución do que dispón a empresa adxudicataria, Atlántica de Construción e Medio Ambiente S.L., para a materialización das obras é de cinco meses.

O ámbito desta actuación será duns 400 metros, o que a fará máis accesible para os peóns e, ademais, mantén as prazas de aparcamento, co que se consigue comodidade tamén para os vehículos. A necesidade de intervención nesa zona vén dada porque existen varias deficiencias nas redes de saneamento, pluviais e fecais. O proxecto emendará un problema ambiental e de salubridade publica, á vez que se propón a creación dun espazo de calidade para os veciños de Sabarís. 

O proxecto prevé unha comunicación peonil no cruzamento da rúa Areas coa avenida da Praia Ladeira, coa finalidade de crear unha conexión segura coa praia desde o tecido urbano. Tamén se procederá a unha reordenación do tráfico rodado e peonil a un só nivel, coa eliminación de barreiras arquitectónicas, creando unha banda de circulación nun só sentido e outra banda funcional, que aloxará todo o paquete de equipamentos urbanos que se consideran precisos. O resto da sección de rúa estrutúrase como unha plataforma peonil na que se incorporan novos elementos de mobiliario urbano, bancos, arboredo, iluminación e xardinaría. 

Cómpre recordar que o importe desta actuación engádese aos 1,26 millóns de euros que xa se investiron na fase I e que permitiron a humanización de máis de 500 metros.

Carril bici

A conselleira de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas fixo este anuncio durante a visita realizada ás obras de prolongación do carril bici de Baiona, xunto co alcalde, Jesús Vázquez Almuíña, que comezaron nos pasados días.

Trátase dunha actuación de un quilómetro de lonxitude, cun investimento de 214.000 euros que permitirá comunicar o carril-bici xa en servizo entre Baiona e A Guarda (PO-552) co existente no paseo marítimo de Baiona.

Vázquez explicou que pese a que esta infraestrutura ten un prazo de execución de tres meses, “o noso obxectivo é axilizar ao máximo  a súa construción para que este carril –bici poida estar operativo este verán e sexa empregado o antes posible polos residentes e polos numerosos turistas que visitan esta vila.  

A responsable de Territorio e Infraestruturas destacou a aposta do Goberno galego por  facilitar a mobilidade máis sostible e segura, coa promoción dun transporte máis respectuoso co medio para os veciños da área metropolitana de Vigo. Un conxunto de medidas no que destacan a recente posta en marcha o Plan de Transporte Metropolitano de Vigo, que permite aos veciños de Baiona viaxar a Vigo por 1,3 euros ou a Nigrán por 85 céntimos

Ethel Vázquez tamén puxo de relevo “os máis de 40 quilómetros de vías peonís e ciclistas feitos aquí na área de Vigo” ou o contrato asinado a pasada semana que fará que nestes días comecemos a redacción dos proxectos de sendas peonís e carrís bici a executar nas estradas autonómicas da comarca de Vigo.

16 de xuño de 2015 | 12:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.