publicidade hoxe

As mulleres dos obradoiros de memoria e de ximnasia para maiores celebran un encontro ao pé do Xuvia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

56 mulleres -e algún home tamén- dos obradoiros de ximnasia para persoas maiores e de memoria activa xuntáronse o venres á tarde á beira do Xuvia para facer varias actividades. Ao xeito da mocidade promoveron unha “quedada” con música, baile e unha merenda co obxectivo de coñecerse un pouco mellor.

A idea de reunirse antes da finalización dos obradoiros xurdiu dentro dos grupos que participan neles polas distintas parroquias. Propuxéronlla á técnica de deportes Paula Varela e á axente de Igualdade Verónica Rodríguez e o resto foi cuestión de poñer día e hora para xuntarse. A o momento elixido foi o pasado venres ás 16.00h. no merendeiro do Mesón A Granxa, un lugar ao pé do río con sitio á sombra suficiente para facer todo o que tiñan preparado.

Así, a tarde arrancou con varios xogos cooperativos nos que a música foi o principal fío condutor. Os paquetes, a silla, parellas perdidas, a escoba e outros clásicos deste tipo de encontros déronlle paso na segunda parte da sesión a un obradoiro acelerado de danzas do mundo e a un peche cun bailes en grupo moi animados.

Foi unha tarde intensa na que ninguén parou de moverse durante case dúas horas. Tempo de facer exercicio e de estreitar lazos que finalizou pouco antes das 19.00h. cunha merenda a base de empanada, tortilla e outras viandas coas que repoñer forzas e aproveitar para falar da vida con máis tranquilidade.

 

22 de xuño de 2015 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.