“As compras na túa vila teñen premio” dinamizará o comercio compostelán

Presentación da campaña. Foto: A. Varela
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe na presentación en Santiago da iniciativa de dinamización comercial As compras na túa vila teñen premio, unha campaña posta en marcha pola Federación Galega de Comercio e a Federación de Comercio da Coruña en colaboración coa Consellería de Economía e Industria que ten por obxectivo poñer en valor o comercio de proximidade e impulsar as vendas premiando a confianza dos clientes, sorteando entre os participantes tarxetas de compra por un total de 4.000 euros.
Nos días de duración da campaña, que se desenvolverá ata o 26 de xuño, deberán presentar os seus tíckets de compra na carpa situada na praza Roxa ou aos promotores que se atoparán polas rúas da cidade, que lles entregarán boletos de participación para o sorteo final que terá lugar o venres, 26 de xuño, dentro do programa dunha festa de peche que contará coa actuación do mago Rei Midas.
Neste acto, que se celebrará ese día ás 20 horas, sortearanse 5 tarxetas regalo de 300 euros e outras 25 por valor de 100 euros, e os posuidores dos boletos deberán estar presentes para converterse en gañadores.
O apoio ao desenvolvemento da campaña As compras na túa vila teñen premio enmárcase na estratexia da Xunta de impulso á competitividade do sector, na que o respaldo ao asociacionismo comercial é un eixo estratéxico.











