Arte e Arquitectura, o Antigo Exipto, a observación astronómica e a enfermidade cardiovascular centran na provincia de Pontevedra o programa da UIMP

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O estudo do patrimonio arquitectónico e cultural de Cambados será a primeira das actividades académicas que a Universidade Internacional Menéndez Pelayo desenvolverá este ano na provincia de Pontevedra en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Trátase do curso Arte e Arquitectura en Cambados, que abrirá o programa de actividades o vindeiro 8 de xullo no Museo Etnográfico do Viño da man da directora da Rede de Museos do Concello.

Tanto a UIMP coma a institución provincial manteñen a súa aposta pola descentralización da oferta formativa, achegándollela ós cidadáns co obxectivo de afondar na difusión e coñecemento da nosa cultura e impulsar a formación da cidadanía e a dinamización social, adaptando ó máximo os temas que se tratan en cada zona ó contorno e ós intereses da localidade.

A revolución de Atón en Exipto

O director do Instituto de Estudios del Antiguo Egipto de Madrid, Francisco Martín Valentín, exporá as súas reflexións e teorías tras os últimos descubrimentos sobre a historia do reinado de Atón, que poderían obrigar a reescribila.

O exiptólogo madrileño analizará no Museo de Pontevedra, do 27 ó 29 de xullo, A Revolución de Atón en Exipto: Antecedentes e Consecuencias.

Observación astronómica

Os fenómenos astronómicos propios do mes de agosto serán unha boa oportunidade para afondar no coñecemento desta ciencia, na que calquera afeccionado pode desempeñar un papel moi activo.

O seguimento de fenómenos coma asteroides, cometas ou chuvias de estrelas serán a base do curso Introdución á Observación Astronómica, impartido polo director do Observatorio Astronómico de Cotobade, Ángel Valverde Papillón, que se desenvolverá do 3 ó 7 de agosto no observatorio pontevedrés.

A enfermidade cardiovascular

Ademais, por segundo ano consecutivo, a actividade formativa non se limitará ó período estival senón que se prolongará ata o mes de outubro.

O último dos cursos programados, Actualización na Prevención, o Estudo e o Manexo da Enfermidade Cardiovascular, desenvolverase no concello de Vigo.

Baixo a dirección do presidente da Sociedade Galega de Endocrinoloxía, Manuel Antonio Botana López, trataranse de discernir os factores de risco da principal causa de morte en todo o mundo e como reducir a súa carga na sociedade nun ano, o 2015, no que os países establecen os seus obxectivos e miden os avances logrados neste eido logo do informe da OMS en 2010.

16 de xuño de 2015 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.