Arrincan en Vilagarcía os II Concertos de Verán no Centro Comercial Arousa
O Centro Comercial Arousa pon en marcha por segundo ano consecutivo e tras o éxito da primeira convocatoria, a II edición dos concertos de verán, un concurso dirixido a apoiar a carreira musical de mozos solistas ou grupos emerxentes galegos, que buscan unha oportunidade para demostrar o seu talento e facerse un oco nos escenarios.
O concurso, estruturado en dúas fases eliminatorias, e no que se premiará ao gañador coa gravación da maqueta do seu último traballo nun estudo profesional, abre hoxe e ata o vindeiro domingo 19 de xullo, o prazo de presentación de candidaturas –consulta as bases e requisitos aquí: http://www.ccarousa.com/web/concertos-de-verán/-.
O seu obxectivo é converterse nunha plataforma de lanzamento para novos talentos, ofrecendo a músicos noveis un espazo onde dar coñecer a súa música ao público, coller táboas sobre o escenario e enfrontarse ao reto de actuar en directo.
Fases do concurso
Para alzarse co premio, os concursantes-de calquera estilo musical e residentes en Galicia- terán que superar dúas fases. Na primeira, deberán explicar con orixinalidade e nun vídeo presentación de dous minutos como máximo de duración, por que merecen optar ao premio. Os vídeos publicaranse no Facebook do centro comercial (link á aplicación: http://promo.st/1Kc3NmR) e serán os fans do centro quen, cos seus votos, decidan os tres grupos ou solistas que pasarán directamente á segunda rolda do concurso-os máis votados-.
O resto dos aspirantes será elixido polo equipo directivo do centro, baseándose na calidade, orixinalidade e personalidade da proposta.
Xa na segunda fase, os concursantes seleccionados terán que demostrar a súa valía, agora sobre o escenario e durante unha actuación en directo na que a súa capacidade para conectar, entusiasmar e mobilizar ao público será definitiva para poder erixirse como gañador.











