Arrinca no porto de Vigo a 2ª edición da ‘Green Energy Ports Conference’

Inauguración Green Energy Ports
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, defendeu hoxe o investimento público-privado en tecnoloxías limpas como chave para facer de Galicia e Vigo líderes mundiais da eficiencia e sostibilidade dos portos. Conde inaugurou en Vigo a segunda edición da Green Ports Energy Conference, un evento organizado pola Autoridade Portuaria de Vigo ao que asisten os principais decisores neste eido tanto de España como de Europa. O conselleiro subliñou a innovación aberta, que une a empresas, centros tecnolóxicos, universidade e administración, como clave para “descarbonizar a nosa economía, e alcanzar o obxectivo marcado na Estratexia Europa 2020: aforrar un 20% do consumo primario de enerxía”.
Neste senso, destacou os avances realizados por Galicia grazas a iniciativas que poñen en contacto a todos eses axentes, como os programas Innterconecta e Conecta Pemes, que suman 32 proxectos no eido da eficiencia enerxética. No eido do Innterconecta, Conde resaltou iniciativas como o Green Port Energy Center, un proxecto ideado e xestado en Galicia que permitiu crear un contenedor portátil de gas natural licuado para suministrar enerxía elécrica e térmica aos buques sen que estes teñan que ter os seus motores encendidos no porto, o que permitirá reducir as emisións de CO2 da dársena viguesa no equivalente a 300 voos anuais entre Europa e os Estados Unidos nun Boeing 747. Salientou ademais proxectos como o Magallanes, unha iniciativa que, mediante a construción dun trimarán especial, permitirá producir enerxía mareomotriz, posicionando a Galicia á vangarda da enerxía do mar a nivel internacional. Iniciativas como esas, dixo o conselleiro, impulsan a Galicia cara o obxectivo “de facer dos nosos portos verdadeiras dársenas verdes”.
Co obxectivo de, coa base destes proxectos, impulsar o liderado internacional de Vigo e de Galicia no eido da eficiencia e a sostibilidade portuaria, Conde puxo o foco sobre a a implantación de novas tecnoloxías de xeración enerxética, eficiencia e control. No eido da xeración, o conselleiro destacou, máis alá da eólica e a minieólica, o papel que xogará o Gas Natural no futuro dos portos galegos.
Ademais da iniciativa Green Port Energy Center, Conde destacou colo claves para o futuro o desenvolvemento de tecnoloxía e infraestrutura para contar con hubs de subministración de Gas Natural Licuado aos buques; o deseño de buques impulsados por GNL para construílos e reparalos en Galicia; a posta en marcha dunha Unidade Mixta de Investigación que une a Gas Natural Fenosa co centro tecnolóxico Energy Lab, para desenvolver tecnoloxías relacionadas co uso de gas natural para buques; e incidiu na posibilidade de impulsar o Gas Natural Comprimido para vehículos pesados nos portos, estendendo o seu uso aos camións dos peiraos.
O conselleiro resaltou ademais que o Goberno galego busca impulsar a innovación no eido da eficiencia, desenvolvendo tecnoloxías de eficiencia asociadas ao Naval 4.0, e valorizando os residuos portuarios, que se suman a actuacións planificadas neste campo como, no caso de Vigo, a posta en marcha dunha nova subestación para Vigo fará máis eficientes as industrias do porto.
Finalmente, no campo do control e a seguridade, Conde subliñou o impulso á innovación portuaria en campos como os sistemas de cámaras para a detección e alarma temperá de vertidos, “o que reverterá nunha considerable mellora ambiental e un aforro de recursos”, así como en sistemas TIC de amplas aplicacións neste ámbito.











