APV e Xunta estudan vías de colaboración co porto de Hamburgo en materia de sustentabilidade e innovación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado polo Conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, e o Director de Internacionalización do IGAPE, Abel Veiga, mantiveron, nas últimas horas, un encontro con representantes do Porto de Hamburgo co obxectivo de estudar posibles vías de colaboración en materia de sustentabilidade e innovación.

Durante o encontro con Manfred Lebmeier, Xefe do Departamento de Estratexia e Sustentabilidade do porto máis grande de Alemaña e un dos maiores do mundo, analizáronse as posibles vías de colaboración en materia ambiental que poden resultar de interese non só para o Porto de Vigo, senón tamén para o conxunto da Comunidade galega. Neste sentido, un dos eixos da reunión foi o intercambio de coñecemento, tecnoloxía e colaboración en proxectos para a implantación do Gas Natural Licuado (GNL) como combustible marítimo, área na que Galicia está a impulsar diferentes proxectos como a creación dun Hub de GNL. 

Esta reunión é o resultado da visita institucional realizada en xuño de 2014 ao Porto de Hamburgo, na que participou a Xunta de Galicia, acompañada de diversos portos, entre os que se atopaba o Porto de Vigo. Este encontro, encabezado polo Presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, permitiu dar a coñecer a un dos portos máis importantes do mundo as capacidades de Vigo e do resto de dársenas galegas, co obxectivo de ampliar as vías de colaboración entre eles en materias ambientais e loxísticas.

Como resultado desas reunións, confirmouse a participación do Porto de Hamburgo na ‘Green Energy Ports Conference’, así como a colaboración conxunta en proxectos europeos en materia de sustentabilidade e innovación. 

Esta estreita colaboración coa terminal alemá, derivou na presentación, a través de Portos do Estado, dun proxecto conxunto á convocatoria Life+, no que, xunto a Vigo e Hamburgo, tamén participan como socios o Porto das Palmas, a axencia hidrográfica mariña de Hamburgo, a comisión de protección do mar Báltico, o Ministerio de Medio Ambiente de Países Baixos, OSPAR, o Porto de Bremen, a Axencia da Natureza danesa, o Porto de HaminaKotka, o Porto de Lle Havre, o Porto de Lisboa, o Porto de Róterdan, a axencia de transporte de Suecia, o Instituto de Medio Ambiente de Finlandia e as universidades de Polonia, Lituania e Estonia, entre outros.

Por outra banda, nos últimos meses, responsables do Porto de Vigo mantiveron diferentes reunións con representantes da Universidade de Leipzing, coa que a Autoridade Portuaria de Vigo estivo colaborando de cara a preparar unha proposta conxunta co Porto de Hamburgo, enfocada á creación dunha plataforma de navegación e xestión baseada en sistemas intelixentes de explotación portuaria.

Do mesmo xeito, e coincidindo coa reunión do Comité de Sustentabilidade e Desenvolvemento de ESPO e co congreso Green Port, mantivéronse diferentes reunións e conversacións co responsable de Medio Ambiente do Porto de Hamburgo, Hendrik Holstein, e o Responsable de Infraestruturas Mariñas da terminal alemá “Manfred Meine”, Hendrik Holstein, nas que se segue traballando na procura de posibles liñas de colaboración en materia de implementación do GNL.

O Porto de Hamburgo é un importante punto de conexión comercial marítima, situado a beiras do río Elba. Ten unha localización privilexiada, polo que é coñecido como ‘A porta de Alemaña ao mundo’, e é un dos portos máis grandes non só do país, senón de todo o mundo.

É un importante porto que foi creado case á vez que a propia cidade de Hamburgo, no ano 1189, e que foi de gran importancia ao longo da historia. Destaca pola súa infraestrutura e a facilidade que brinda, permitindo facer transbordos, así como ingresos e saídas de mercadoría.

A saída comercial máis importante de Alemaña, é a plataforma de intercambio para o comercio co leste e o norte de Europa. Como porto de colectores ocupa o segundo lugar en Europa e sétimo no mundo.

Outras reunións sectoriais

Ademais desta, durante as conferencias manteranse diferentes reunións con representantes dos portos e administracións presentes na ‘Green Energy Ports Conference’, co fin de buscar posibles liñas de colaboración.

Unha delas, será a reunión que manterán responsables do Porto de Vigo e os Portos de Lle Havre e Nantes, e a naviera Suardiaz, coa intención de seguir traballando no proxecto ‘Green Atlantica Optimos’, que se presentará na segunda xornada da conferencia.

Outras reunións importantes que se van a desenvolver e que teñen ademais mesa redonda durante a conferencia, versarán en torno ao GNL, onde o Porto de Vigo, xunto a Reganosa, Cepsa, Ham, Suardiaz, o Porto de Barcelona e o de Tenerife, están a traballar en varios proxectos de implementación de GNL, ou en materia de eficiencia enerxética, onde estarán presentes Portos do Estado, o Porto de Vigo, o Porto de Tarragona, o Porto de Cartaxena, o Porto de Almería, o Porto de Huelva e o Porto Tenerife, para a implementación dun observatorio enerxético de portos.

16 de xuño de 2015 | 12:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.