Apróbase a adhesión de 86 pemes e autónomos da provincia á plataforma de comercio virtual “Ponteacomprar”
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publica hoxe a resolución da primeira serie de empresas e autónomos adheridos á plataforma do centro de comercio virtual “Ponteacomprar”. Tras a súa presentación, hai un mes, máis de 400 autónomos e pequenas empresas solicitaron formar parte desta nova canle de venda en liña; 195 delas foron seleccionadas para adherirse gratuitamente á posta en marcha da plataforma.
Unha vez recibidas as solicitudes de adhesión, de acordo coas bases da convocatoria publicada no BOPPO o 3 de novembro de 2014, a comisión de avaliación aprobou a primeira relación de pemes e autónomos adheridos a esta plataforma. A partir do mes de xuño un total de 86 empresas poderá ofrecer os seus produtos e servizos na rede.
93 empresas e autónomos pendentes do envío de documentación
Segundo o anuncio publicado este mércores no BOPPO, concédeselles un prazo de 10 días, contados desde hoxe, a outras 93 pequenas empresas e profesionais para que emenden a falta de documentación requirida nas bases de selección e poidan adherirse á plataforma do centro de comercio virtual da provincia de Pontevedra e da comarca de Deza.
A resolución tamén inclúe a relación de pemes e autónomos (un total de 16) ós que se lles denegou a adhesión gratuíta á plataforma por non cumprir cos requisitos e criterios establecidos nas cláusulas das bases da convocatoria de selección de empresas.
“www.ponteacomprar.com”
Impulsada pola Deputación de Pontevedra, dentro dos proxectos “depoTIC: a tecnoloxía nas túas mans” e “depoDeza: dinamización económica da comarca de Deza”, e cofinanciada polo FEDER, “Ponteacomprar” xorde como unha nova canle de venda en liña ó servizo dos máis de 64.000 autónomos e pequenas empresas da provincia. Esta plataforma única permitirá comercializar os produtos e servizos, con especial atención a sectores estratéxicos coma alimentación, restauración, turismo, lecer, hostalería e cultura.
Na actualidade este centro conta con datos de 55 compañías e con máis de 7.900 fotografías de 1.900 produtos e servizos.
Coa posta en marcha deste novo centro de comercio virtual a Deputación dá un paso máis na promoción e modernización do tecido produtivo da provincia, abríndolles ós autónomos e ás pemes a porta do comercio virtual.











