Apertura dun prazo de 26 días para optar á construción da rolda leste de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) o anuncio polo que se convoca o procedemento aberto para contratar a obra de construción da rolda leste de Pontevedra, que terá un orzamento de 1,8 millóns de euros e un prazo de execución de nove meses.
A obra afecta ó tramo comprendido entre a estrada PO-542 (Ponte Bora-O Pino) e a estrada PO-532 (Pontevedra-Ponte Caldelas), así como ó acceso ó Hospital de Montecelo e á Cidade Infantil Príncipe Felipe.
As empresas interesadas na construción da nova vía de circunvalación de Pontevedra terán un prazo de 26 días naturais, contados desde mañá martes 2 de xuño, para presentar as súas ofertas.
A obra afecta a 33.473 m2 de terreos de 63 propietarios. A nova infraestrutura viaria é froito dun convenio entre a Deputación e o Concello de Pontevedra; este último será o encargado de aboar as expropiacións correspondentes en solo non urbanizable, común e rural.
A nova vía terá dous carrís de 3,5 m, beiravías de 1 m e unha senda peonil de 4 m; ó longo de 1 km construiranse tres glorietas.











