Apertura do prazo de inscrición para os establecementos no Concurso de Tapas Picadillo
O Concello acaba de abrir o prazo para inscribirse na XII edición do Concurso de Tapas Picadillo, que se celebrará entre 11 e o 27 de setembro. Os establecementos interesados en participar terán ata o 9 de xullo ás 14.00 horas para enviar as súas solicitudes, que serán atendidas en orde de chegada. As bases e a ficha de inscrición están dispoñibles para a súa descarga na web de Turismo da Coruña, www.turismo.com, e pódense pedir nos teléfonos 639 155 247 e 636 447 574 ou a través do mail tapaspicadillo@gmail.com.
No certame poden participar todos aqueles establecementos hostaleiros da cidade legalmente establecidos, previa inscrición, en calquera das dúas modalidades do concurso: a de tapa tradicional e a de tapa creativa (aquela que utilice produtos, técnicas de elaboración ou presentación innovadoras). Todas as propostas deberán estar elaboradas de xeito artesanal e con algún produto de orixe galega, autóctono e de calidade. Cada establecemento poderá concursar nunha ou nas dúas modalidades, cun máximo dunha tapa en cada modalidade.
Este ano, como novidade, haberá un premio Picadillo Maridaxe, que se suma aos galardóns de edicións anteriores: o premio Picadillo á mellor Tapa Tradicional, o premio Picadillo á mellor Tapa Creativa e o premio Picadillo Cidade da Coruña, que se outorga por votación popular.











