Apertura do prazo de inscrición en 5 cursos que se impartirán na Axencia de Colocación de Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O concelleiro mosense de Promoción Económica, Emprego e Novas Tecnoloxías, Óscar Soto, informou hoxe de que se atopa aberto o prazo de inscrición en 5 cursos que se van impartir durante este mes e o que ven na Axencia de Colocación de Mos e cuxa participación é aberta para todas aquelas persoas interesadas en realizalos.

Nestas 5 accións formativas colaboran como docentes alumnos do curso de Docencia de Formacion Profesional para o Emprego impartido pola empresa colaboradora Gdoce. 

Os 5 cursos ofertados son: curso de organización e dinamización de ludotecas, curso de eficiencia enerxética e aforro tarifario, curso de distribución capilar de transporte de mercadorías, curso de inglés básico para a loxística e o transporte, e obradoiro de entrevista laboral. 

Tal e como explicou Soto “estes cursos diríxense a todas aquelas persoas interesadas na formación de cada ámbito do curso, co obxectivo de mellorar as súas competencias profesionais e facilitar o acceso a un emprego de calidade”. 

Todos os interesados en solicitar información ou incribirse poden dirixirse á Axencia de Colocación a traves do correo electrónico info@axenciadecolocacionmos.es ou do teléfono 986487786. 

Detalles dos cursos 

Todos impartiranse nas instalacións da Axencia de Colocación de Mos. O curso de organización e dinamización de ludotecas realizarase os días 26, 29 de xuño e 30 de xuño en horario de 9:00 a 14:00 horas. 

O curso de eficiencia enerxética e aforro tarifario aplicado ó fogar e ó pequeno comercio impartirase de 9:00 a 13:00 horas os días 1, 2, 7, 8 e 9 de xullo cunha duración total de 20 horas. 

A acción formativa de distribución capilar levarase a cabo de 9:00 a 14:00 horas os días 7, 8, 9 e 10 de xullo cunha duración total de 20 horas orientada a formar ós alumnos e alumnas na organización do sistema de distribución capilar para a confección de rutas de reparto. 

O curso de inglés básico para a loxística e o transporte será tamén de 9:00 a 14:00 horas os días 13, 14, 15 e 16 de xullo cunha duración total de 20 horas.

 

E por último, o obradoiro de entrevista laboral impartirase os días 3, 6,7 e 8 de xullo de 9:00 a 14:00 horas con duración total tamén de 20 horas.

23 de xuño de 2015 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.