Amizade organiza unha xornada na que se poderán probar handbikes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A asociación Amizade organiza mañá, sábado día 20 de xuño, na Alameda de Pontevedra, unha xornada para que toda aquela persoa interesada poida probar unha handbike (bicicleta adaptada). A actividade dará comezo ás 11:30 e rematará ás 13:30, sendo o único requisito a inscrición previa no mail: amizade@asociacionamizade.org ou ben no teléfono 986 84 52 50.

O obxectivo principal da actividade é sensibilizar á sociedade das dificultades que ten unha persoa con discapacidade á hora de practicar un deporte (elevados custos, falta de espazos axeitados,…). Ademais, tamén se pretende fomentar o deporte para todos/as e reivindicar instalacións deportivas accesibles. 

Para a organización da actividade, Amizade solicitou tres handbikes á Fundación Maria José Jove que conta cun servizo de préstamo destas.

Amizade nace na comarca de Pontevedra co obxectivo de “Acadar a plena inclusión das persoas con discapacidade en tódolos ámbitos da sociedade”. Un obxectivo moi ambicioso no momento da creación da asociación, aló polo ano 1988, pero que lamentablemente segue presente hoxe en día xa que aínda queda moito camiño por andar ata lograr esa integración; para conseguir unha igualdade real entre todos os cidadáns e cidadás. Por isto é polo que Amizade segue existindo, e segue ofrecendo actividades e servizos que melloren as capacidades das persoas. E tamén segue concienciando á sociedade sobre a necesidade de crear contornas inclusivas que acollan á diversidade de persoas que existen, sen discriminación; algo que, se dúbida, enriquecería á sociedade.

19 de xuño de 2015 | 10:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.