Ambicioso plan de obras de mellora no rural lalinense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Plan de obras no rural

Plan de obras no rural

O concello de Lalín vén de activar un ambicioso plan de obras de mellora na zona rural do municipio. A concellería que dirixe Miguel Medela está a desenvolver ao longo desta semana máis dunha ducia de actuacións en diferentes parroquias do concello. Os traballos consisten, fundamentalmente, na pavimentación de vías e na limpeza de cunetas, aínda que tamén se lle está a dar solución ás diferentes demandas veciñais que chegaron ao concello nos últimos días.

En palabras do concelleiro Miguel Medela, estas actuacións de mellora teñen un claro obxectivo: “Sacar ao rural de Lalín do estado de abandono no que o tiña o anterior goberno e facer todo o posible para mellorar a calidade de vida dos seus veciños”. O goberno municipal marcouse a firme intención de situar ao rural lalinense no centro das súas prioridades para este mandato que vén de iniciarse.

Ao longo desta semana, a concellería do Rural está a desenvolver traballos de mellora en Camposancos, Outeiro (Barcia) e Doade. Onte limpáronse as cunetas de Requeixo-Castro e  en Outeiro de Barcia. Tamén se procedeu ao desbroce e corte de arborado en Muro, en San Pedro de Doade. 

Hoxe as actuacións continuarán en Outeiro de Barcia e estenderanse á Carretera, en Vilatuxe. Durante esta semana tamén se executarán limpezas e melloras de pistas e camiños en Barciela-Vilatuxe e Méixome, así como en Busto, Bustelo ou Camposancos.

O concello tamén está a estudar o pintado dun novo paso de peóns na zona de Donramiro e a colocación dunha reixa no aparcadoiro da piscina para canalizar a saída de augas. 

30 de xuño de 2015 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.