Almorzos saudables no Rosal
Dende o ano 2008 o concello do Rosal vén realizando a actividade de ALMORZOS SAUDABLES, que consiste en ofrecer durante unha semana o almorzo a máis de 200 alumnos do CPI Manuel Suárez Marquier do noso concello. Son alumnos e alumnas de educación primaria con idades entre os 6 e os 12 anos.
Debido á preocupación existente pola mala alimentación dos nosos pequenos, xurdiu esta iniciativa con moi boa acollida entre as familias e o profesorado do noso concello.
A actividade consiste en instalar unhas mesas con diferentes tipos de alimentos para que os nenos e nenas proben e se familiaricen cos alimentos. Poden elaborar o seu propio menú seguindo sempre a premisa de que non poden faltar a froita, un lácteo e algún cereal. Contamos tamén con alimentos especiais para o alumnado con determinadas intolerancias como ó leite ou ó gluten.
Levarase a cabo nas instalacións do Obradoiro de Emprego nas inmediacións do centro escolar, e este ano varios establecementos do noso concello colaboran desinteresadamente donando alimentos para a realización do obradoiro. Estes son a panadería Volován que cederá o pan empregado durante toda a semana, e o supermercado Froiz que proporcionará o leite.