publicidade hoxe

Allariz acolle unha xornada técnica sobre sostibilidade na construción de obra civil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllariz
A-
A+

Allariz acollerá mañá, 18/06, a I Xornada Técnica ‘Sostibilidade na construción de obra civil: novas perspectivas’, un encontro organizado por Misturas cando se cumpren, neste mes de xuño, 25 anos do seu nacemento. A construtora utilizará este evento para amosar os resultados dalgúns proxectos de investigación e innovación nos que participa, e analizar algunhas novas técnicas empregadas en construción. O Concello de Allariz e Extraco colaboran na organización da xornada, que reunirá arredor dun cento de participantes, entre técnicos de diferentes administracións, empresas e universidades, e que terá lugar no salón de actos de ‘O Fogar’ de Allariz a partir das 10.00 horas.

Concretamente abordarase o proxecto ‘Sitegi’, unha iniciativa dun consorcio empresarial do que forman parte Extraco e Misturas, ademais da Universidade de Vigo, e que optimiza a aplicación de sistemas integrados de tecnoloxías para a xestión de infraestruturas viarias, co obxectivo de mellorar a seguridade e reducir os custos de mantemento. Analizarase tamén o proxecto ‘Biovalvo’, para a valorización das cunchas de mexillón na construción, idea na que participa Extraco xunto con institucións como o CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil) e a Universidade da Coruña. Os asistentes poderán comprobar ‘in situ’ algúns dos resultados destas dúas iniciativas, durante a visita técnica ás plantas de aglomerado en quente e en frío que Extraco e Misturas, respectivamente, teñen no polígono industrial de Chorente, en Allariz.

Así mesmo, a xornada inclúe outros relatorios sobre técnicas viarias adaptadas ao cambio climático, a cargo de Daniel Andaluz, da “Asociación Técnica de Emulsiones Bituminosas”, e sobre mesturas en frío fabricadas con RCD’s, que impartirán Ignacio Pérez e Breixo Gómez, do Grupo de Estradas, Xeotecnia e Materiais da Universidade da Coruña.

17 de xuño de 2015 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.