Alberto Salcedo liderou na súa proba o ranking de España de pista cuberta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

Recentemente a RFEA publicou o ranking nacional de pista cuberta, coas mellores marcas nacionais realizadas na tempada baixo teito, que abarca de novembro a marzo. A Sociedade Ximnástica pódese sentir orgullosa de que un dos seus atletas, Alberto Salcedo, lidere unha das probas, os 200 metros masculinos con 21.29, marca que lle deu o título de Campión de España de pista cuberta.

Outros atletas tamén se atopan no top ten da súa proba, Julián Ortiz, terceiro nos 60 metros valas con 7.86; Lysvanys Pérez, quinto no salto de altura con 2.12, proba na que lle acompaña Manuel Muíños en décimo lugar con 2.09 e Alberto Guerreiro, oitavo nos 800 metros con 1.49.77, pero que lidera o ranking sub23, categoría na que tamén se coa Manuel Muíños entre os mellores, sendo quinto no salto de altura.

No verán volven ao CGTD os Trofeos atléticos que cada ano organiza a Sociedade Ximnástica

A promoción do atletismo en Pontevedra, é unha máxima da Sociedade Ximnástica e parte fundamental diso é a organización de competicións de atletismo oficiais, que cada ano tentan atraer á sociedade pontevedresa ao deporte de correr, saltar e lanzar.

Durante algúns mércores dos meses de xuño e xullo e de sete e media da tarde a preto das dez da noite, a entidade pontevedresa, ten marcado no seu calendario competicións que seguramente atraerán o atletismo galego ás pistas de atletismo pontevedresas.

Arrincarase o 17 de xuño próximo coa corenta edición do Trofeo Sociedade Ximnástica. Na seguinte semana, concretamente o 24 de xuño, disputarase a corenta e dúas edición do Trofeo Boa Vila e o 8 de xullo celebrarase o XXII Trofeo Cidade de Pontevedra, XVIII Memorial Celso Mariño.

Queda por pechar a milla urbana, que 13 anos despois estase tentando volver celebrala e na que sería a súa décimo quinta edición.

Todos estes Trofeos contarán co patrocinio do Instituto Municipal de Deportes e a colaboración do CGTD de Pontevedra.

3 de xuño de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.