AJE Pontevedra acollerá a presentación do Simulador Sinalyzer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

A Asociación de Xóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE) organiza para o vindeiro xoves unha presentación do Simulador Sinalyzer, aplicación informática totalmente innovadora e patentada en España, para simular todo tipo de situacións e escenarios económicos, financeiros e fiscais co que se pode calcular a rendibilidade dun negocio real ou en desenvolvemento, ver a súa viabilidade, realizar un plan de empresa ou calcular a tesouraría.

A conferencia, de acceso gratuíto e aberta a todo tipo de público, vai ser impartida polo enxeñeiro industrial José Bielza, un dos responsables de Sinalyzer en Madrid e polo economista de Pontevedra, Enrique Domínguez Liño. Será o vindeiro xoves 11 de xuño entre as 16.15 horas e as 18.00 horas na sala de actividades da sede de AJE Pontevedra (r/ Ferreiros, 28-5ª planta).

Coa charla AJE Pontevedra quere dar a coñecer este innovador sistema que pode resultar de gran utilidade e beneficio non só para autónomos, emprendedores e empresarios da pequena e mediana empresa, senón que, pola súa sinxeleza e versatilidade, tamén resulta moi interesante para as economías domésticas e mesmo para analizar a rendibilidade, resultados e posibilidades de ambas ao unísono: economías domésticas e profesionais. Unha ferramenta que pode cambiar a forma de constituír e desenvolver negocios e actividades laborais. 

Sinalyzer é a ferramenta ideal para que o empresario poida simular diferentes escenarios e considerar variacións nas súas actuacións para mellorar o seu negocio. Con esta ferramenta pódese calcular que decisións se deben tomar para que a empresa sexa rendible.

O dispositivo permite estimar diferentes escenarios para comparar a rendibilidade dun negocio. É potente e sinxelo, baseado nunha contorna similar a Excel no que se pode ir variando os ingresos ou gastos en importes ou en tantos por cen e por períodos e automaticamente calcula a tesouraría e compara co escenario inicial as melloras previstas. Xera resultados de tesouraría mensualmente, trimestralmente, semestralmente ou anualmente, unha flexibilidade e características que non se poden atopar noutros programas.

9 de xuño de 2015 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.