AGACA constata o crecemento das cooperativas rexistrados nos últimos 7 anos
Representantes do centenar de entidades que se agrupan na Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias reuníronse esta mañá en Santiago de Compostela no marco da vixésimo sétima Asemblea Xeral da Asociación, onde se presentaron os datos en materia económica obtidos polas cooperativas membros durante os últimos anos.
As empresas cooperativas galegas amosaron resultados positivos en 2014, malia a evolución da crise económica nos últimos 7 anos. Das magnitudes económicas relativas ao cooperativismo agroalimentario en Galicia, entre 2007 e 2014 o número de socios destas entidades incrementouse en máis dun 20%, o emprego total supera o 6% e a facturación, arredor do 16%.
As cooperativas socias de AGACA facturan, de forma directa, 1.500 millóns de euros por ano. O incremento nesta facturación vai en consonancia coa variación da Produción Final Agraria (valor económico de toda a produción agraria de Galicia), a metade da cal provén do cooperativismo agroalimentario galego.
Tamén se está a percibir un regreso á actividade agroalimentaria, ao medio rural, por persoas en situación de desemprego nas cidades.
AGACA valora estas cifras como evidencia de que a sociedade percibe as cooperativas agroalimentarias como unha solución para afrontar os retos da crise dende unha óptica colectiva, afastada das incertezas que supón enfrontarse en solitario ás dificultades cotiás do mundo empresarial. Considera, ademais, que se reforzaunha imaxe do campo como vía de ingresos estables e emprego digno.
Previsións para 2015
O exercicio 2015 presenta signos palpables dun posible retroceso debido aos problemas da gandería en xeral e, especialmente, do sector lácteo.
En consecuencia, hai que resaltar a importancia que adquire o papel de representación da Asociación, como un puntal que pode, e debe, servir de apoio e plataforma para as cooperativas agrogandeiras galegas, especialmente en momentos tan complicados.
Por outra banda, dende a Asociación pídese ás Administracións central e autonómica que acheguen axudas encamiñadas á concentración da oferta para dar dimensión aos produtores, que se concentran se hai incentivos, non con discursos.
Segundo se salientou, en Galicia temos un sector agroalimentario en xeral moi desestruturado e desestabilizado. Dende AGACA incídese na importancia das normativas que reequilibren a Cadea de Valor agroalimentaria.
Medidas a impulsar
Entre as accións nas que AGACA traballará destacáronse:
– Impulsar e apoiar aquelas normativas que axuden ao reequilibrio da cadea de valor dos produtos agroalimentarios.
– Promover un redimensionamento estrutural que atenúe as diferencias de posición entre os distintos operadores do sector.
– Non renunciar á creación dun grupo lácteo de ámbito nacional/estatal ben dimensionado e que permita defender mellores perezos do leite no mercado.
– Apostar polas Organizacións de Produtores e as Interprofesionais como empresas ben dimensionadas.
– Solicitar reforzos dos controis de calidade aos produtores de España e, sobre todo, de terceiros países.
– Promover o reforzo de alianzas entre cooperativas.
– Seguir traballando na valorización da imaxe do cooperativismo agrario e na súa contribución á sociedade.











