AFAL Ferrolterra inicia un novo curso de coidador sociosanitario
A aula de Formación de AFAL Ferrolterra acolle desde onte unha nova edición do Curso de Coidador Sociosanitario de Persoas Dependentes. Unha actividade na que participan doce homes e mulleres e cuxo obxectivo é dotar aos coidadores da información, coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver de forma eficaz o seu papel. Pero tamén, mellorar a autoestima dos coidadores principais e proporcionarlles información sobre recursos sociosanitarios.
Organizado por AFAL Ferrolterra coa colaboración do Sergas, o curso está impartido por un equipo multidisciplinar integrado por especialistas en logopedia, psicoloxía, educación social, terapia ocupacional, pedagoxía ou enfermaría. De 30 horas de duración, está estruturado en dous módulos formativos entre o 8 e o 19 de xuño. Nun e outro caso, as clases desenvólvense na sede da asociación, en horario de tarde (de 16 a 19 horas). No mesmo trataranse temas como os coidados que precisa a persoa dependente ou o propio coidador, así como as claves para mellorar a calidade de vida nun e outro caso. É un curso que está declarado de interese sociosanitario polo Sergas e tamén acreditado pola Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía.











