Aemos logra o obxectivo do seu plan de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

57 postos de traballo é o que se conseguiu ata o día de hoxe coa posta en marcha de Insere 5, o plan de emprego desenvolvido pola Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS). Con estes datos constátase, antes do seu fin, a superación xa dos obxectivos de inserción laboral establecidos pola Xunta de Galicia, correspondentes ao 50% do centenar de participantes.

A traxectoria e o bo traballo realizado ata o momento en materia de emprego e formación fixeron que a Consellería de Traballo e Benestar cofinancie, por quinta vez, esta política activa de emprego no municipio de Mos. Insere 5 deu comezo o 1 de setembro e prolongarase ata o 31 de agosto, tempo durante o cal todos os usuarios, incluso os xa inseridos no mercado laboral, continuarán participando das diversas accións programadas.

Desde AEMOS séguese promocionando a ferramenta Insere como recurso a disposición das empresas para a selección efectiva das súas necesidades de persoal, “e é que a función de selección para o recrutamento é un labor moi importante e que desde a asociación ofrecemos aos nosos empresarios”, sinala Francisco Domínguez, xerente de Aemos, “porque Insere é a marca de compromiso social de Aemos, unha ferramenta útil tanto para a cidadá do montón como para o empresariado”.

Técnicos da asociación realizan un constante seguimento ás persoas participantes do programa, tras identificar as súas competencias sociais e laborais con detemento. Así mesmo, a crecente adhesión de empresas aos programas de emprego conseguiu presentar un gran número de oportunidades de diversa tipoloxía, atendendo ao rico tecido empresarial vinculado a Aemos.

Implicación e compromiso das empresas

Na actualidade, máis de 70 primeiras firmas da comarca de Mos avalaron as iniciativas de emprego que desenvolve a asociación, destacando entre elas a Copo Ibérica, Kiabi España, Aki Bricolaje, Viza Automoción, Gefco España, Mc Donalds, Disgobe, Limpiezas Faro, Industrias Técnicas de Galicia, Agrupación de Aceites Marinos – AFAMSA, Samper Refeinsa Galicia, RodicutIndustry, Civis Global, … o que permitiu consolidar a Insere como a mellor ferramenta de recursos humanos ao servizo das empresas da contorna de Mos.

A participación e implicación das empresas nos diferentes programas de emprego realizados desde Aemos viuse incrementada nos últimos anos, grazas á flexibilidade que mostran as diferentes accións deseñadas no programa. Estas permiten o seu axuste ás necesidades e requirimentos das empresas, participando elas mesmas, de forma activa, no seu deseño, elaboración e implementación, “xa que case a totalidade das actuacións emprendidas en colaboración desenvólvense nos propios centros de traballo, onde a formación in company permite a avaliación directa das actitudes, intereses e habilidades de cada participante, o que facilita as contratacións posteriores dos candidatos mellor valorados”.

Reincorporación ao mundo laboral

O programa está a permitir superar os obstáculos que minguan as posibilidades de inserción laboral das 100 persoas usuarias. Destacan, entre todas elas, o deseño de itinerarios de inserción para aquelas persoas procedentes de expedientes de regulación de emprego. O seu desenvolvemento facilitou a reincorporación deste colectivo ao mundo laboral. En moitos casos, en ámbitos distintos á súa traxectoria profesional, tras recibir formación e participado en sesións de desenvolvemento persoal para a ocupación, o que xunto á promoción realizada da súa candidatura nas empresas por parte dos técnicos de emprego, permitiu que moitas destas persoas hoxe desempeñen un traballo distinto ao que desempeñaran ao longo de varias décadas de traxectoria profesional.

De igual forma, o colectivo de desempregados con discapacidade, participantes en Insere 5, conseguiron incorporarse ao mercado laboral grazas ao labor de información, estudo e promoción realizado polos técnicos entre as empresas da comarca, atendendo á idoneidade do posto ofertado con respecto á candidatura de cada persoa desempregada.

17 de xuño de 2015 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.