Aemos ensina aos seus empresarios a dominar a arte de falar en público
Para proxectar unha maior e mellor imaxe profesional resulta imprescindible saber falar con criterio, saber expresarse e persuadir. En base a iso, a Asociación de Empresarios de Mos, respondendo ás demandas e necesidades dos seus asociados, puxo en marcha unha dinámica de alto valor centrada no dominio das técnicas empregadas para a adquisición de habilidades asociadas á comunicación e á oratoria moderna no ámbito empresarial, comercial e profesional.
Son un total de 12 responsables de empresas vinculadas a Aemos os que están a participar dun curso de Oratoria Profesional impartido por Santiago Martínez, consultor político e media trainer da Escola de Oratoria Eloqüencia (www.eloquencia.es). Durante as diferentes sesións teóricas e prácticas que deron comezo o pasado xoves e que se prolongarán ata o 2 de xullo, os participantes desta iniciativa aprenden a dominar a arte de falar en público, deseñar mensaxes de modo persuasivo, realizar presentacións eficaces, saber comunicar e dar a coñecer os seus coñecementos en público e en privado, realizar estratexias de comunicación en equipo e interpretar e influír a través da linguaxe non verbal en reunións e negociacións.
“Hoxe en día, a comunicación é unha oportunidade de liderado profesional. Calquera relación de tipo profesional, comercial ou persoal baséase na confianza. E en plena sociedade da información, a comunicación é clave para saber transmitir dita confianza a compañeiros, traballadores, clientes…”, asegura Martínez engadindo que “por iso, non só os directivos empresariais se deron conta da importancia que en plena sociedade da información e da comunicación 2.0 ten o dominar a comunicación persoal. Tamén os profesionais liberais, autónomos, etc. que viven do seu traballo empezan a demandar formación neste sentido”.
Debate de competición
“Do mesmo xeito que non se aprende a andar en bicicleta sen montar nela, este curso pretende ensinar a comunicar profesionalmente practicando, procurando ser o menos teórico posible, e asimilando os conceptos teóricos durante a práctica”, subliña o profesor de oratoria profesional e xurídica.
Para iso este curso utiliza como instrumento unha ferramenta cada vez máis en auxe no mundo da empresa, tanto a nivel formativo como de selección de persoal, trátase do debate de competición.
O debate permite aos alumnos potenciar competencias individuais tales como o falar en público, liderado, estratexia, consecución de obxectivos, prol-actividade, traballo autónomo (para a documentación e investigación dun tema), argumentación, resolución de problemas, elaboración dun discurso/presentación, empatía, concreción e capacidade de síntese, improvisación, e xestión do tempo.
Ante a alta demanda rexistrada para participar nesta acción formativa, desde Aemos valoran a posta en marcha de próximas edicións ao existir xa unha lista de espera.











