Adxudícase o estudo das necesidades para a integración da estación de autobuses na futura intermodal da Coruña
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de adxudicar por case 30.000 euros a empresa TOOL ALFA S.L. a contratación do servizo para a elaboración dos estudos previos da terminal de autobuses integrada na estación intermodal da Coruña-San Cristóbal. Estes documentos terán un prazo de elaboración de tres meses.
Nos traballos obxecto do presente contrato analizarase o deseño proposto no documento de avance do proxecto básico da estación da Coruña-San Cristóbal no que se refire á nova terminal de autobuses, de cara a garantir unha adecuada accesibilidade, maniobrabilidade e operatividade dos autobuses e unhas dimensións suficientes.
A nova terminal de autobuses localizarase dentro do termo municipal da Coruña, nas proximidades da actual estación de ferrocarril. Esta infraestrutura conterá os servizos característicos propios dunha estación de autobuses, comunicando o edificio dunha forma adecuada co da estación de ferrocarril, de tal maneira que se garanta unha excelente intermodalidade.
Este estudo centrarase na análise de catro eixos: estudo de necesidades; estudo de liñas, viario e tráfico; análise funcional do avance de deseño da nova terminal de autobuses; e estudo da viabilidade económica-financeira e de equilibrio concesional.
Reordenación de liñas
Realizarase un estudo de reordenación das liñas de autobuses do servizo público regular de uso xeral de transporte de viaxeiros competencia da Xunta de Galicia, motivada polo peche da estación actual de autobuses situada entre a rúa Caballeros e a Avenida Alcalde Pérez Ardá e a apertura da nova ubicada na estación intermodal.
O obxectivo do estudo é elaborar unha proposta de itinerarios de penetración e puntos de parada dos servizos públicos regulares permanentes de viaxeiros de uso xeral, dentro do termo da Coruña, que teña en conta, a localización da nova estación e a capacidade xeométrica do viario inmediato. Proporanse as modificacións que se consideren oportunas na configuración dalgunhas liñas (horarios, paradas,…) con vistas a un mellor aproveitamento do espazo dispoñible.
Nesta análise incluiranse servizos de carácter metropolitano, así como outras liñas e paradas que actualmente non fan uso da estación e teñen termo noutros puntos da cidade.
Capacidade xeométrica do viario
Para cada posible ordenación de liñas estudada, realizarase, en función das dimensións e radios de xiro dos autobuses e demais vehículos que previsiblemente vaian ter que acceder á nova terminal, un estudo da capacidade xeométrica do viario existente nas cercanías da nova estación intermodal. Este estudo centrarase nas rúas e vías que se propoñan para entrada e saída de autobuses, considerando o estudio de reordenación de liñas realizado.
Por outra parte, levarase a cabo un estudo da incidencia sobre o tráfico do funcionamento da estación intermodal e da nova reordenación de liñas de autobuses proposta.
Esta análise terá por obxecto avaliar a repercusión, que sobre o tráfico rodado actualmente existente no entorno da estación de ferrocarril, previsiblemente poidan ter os novos fluxos de peóns, ciclistas, automóbiles e autobuses derivados da entrada en funcionamento da nova intermodal.











