Acométense as melloras en zonas de aparcamento público e gratuíto de Caión
Co obxectivo de facilitar os accesos, reforzar a seguridade viaria e mellorar as condicións do terreo de cara á tempada estival, o Concello da Laracha está a realizar unha serie de actuacións en zonas da vila de Caión reservadas para o aparcamento público e gratuíto de vehículos.
Así, nunha das áreas de estacionamento xunto ao acceso principal da praia foi ampliada a anchura da estrada, facilitándose deste xeito o tránsito dos vehículos ao tratarse dunha vía de dobre sentido de circulación.
A actuación máis ampla estase a realizar na zona do Campo da Ínsua, onde toda a superficie de terra da ampla explanada está a ser dotada cunha capa de gravilla. Ademais dos evidentes beneficios que suporá para os usuarios desta área de aparcamento, tamén se impedirá en gran medida o xurdimento do po provocado polo vento neste lugar, evitándose por tanto ese tipo de molestias tamén para os veciños residentes nesta zona.
O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o concelleiro de obras, Jesús Souto, supervisaron o desenvolvemento dos traballos nunha visita realizada á vila de Caión.











