publicidade hoxe

Ábrese o prazo de inscrición na Aldea de Verán de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Aldea de verán é un programa municipal que facilita a conciliación da vida persoal, laboral e familiar que, ademais, lles ofrece aos nenos e nenas actividades educativas e de lecer coas que encherlles as mañás das vacacións estivais. Este ano ofrécense 35 prazas para cativos de entre 3 e 12 anos. Aldea de verán desenvolverase nos meses de xullo e agosto, aínda que a preinscrición poderá facerse desde este luns 1 de xuño.

Na actividade terán preferencia en primeiro lugar as persoas empadroadas no concello de San Sadurniño e en segundo aquelas con algunha vinculación laboral co municipio. As 35 prazas dispoñibles están condicionadas pola demanda que exista e pola idade dos nenos e nenas participantes, xa que na faixa horaria de 8 a 10 h. só se ofertan entre 10 e 12 prazas. 

O horario global é de 8 a 14 horas de luns a venres dividido en dúas quendas: unha de 8 a 10 e outra de 10 a 14 horas. Na primeira quenda haberá un monitor ou monitora e na segunda incorporaranse ao servizo outras dúas persoas, que se encargarán da organización dos xogos e outras actividades de lecer e aprendizaxe.

As cotas mensuais levan xa tres anos sen variar. En función do horario de entrada na actividade e do número de membros dunha mesma familia que se queiran inscribir, os prezos serán os seguintes:

Horario de 8 a 10 horas: 90 euros por un membro da unidade familiar, 60 polo segundo e 30 polo terceiro. Horario de 10 a 14 horas: 60 euros polo primeiro membro da unidade familiar, 40 polo segundo e 30 polo terceiro.

As matrículas poderán formalizarse en dous prazos e cómpre ter en conta que a selección se fará por orde de inscrición. O prazo de matrícula para o servizo durante o mes de xullo estará aberto do 1 ao 19 de xuño e no mesmo periodo tamén se poderá reservar praza para o mes de agosto pagando dous meses. Só poderán pagar as familias que figuren empadroadas no concello, xa que son as que teñen preferencia. As de fóra terán que agardar a que lles confirmen antes a praza.

Para inscribir os nenos na Aldea de verán durante o mes de agosto o prazo estará aberto entre o 1 e o 17 de xullo coas mesmas condicións que no caso anterior.

Quen queira obter máis información sobre o programa pode dirixirse aos servizos de Igualdade do Concello de San Sadurniño ou chamar ao 981 490 027. A Aldea de verán é un proxecto que conta con finanzamento da Deputación da Coruña.

1 de xuño de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.