Aberto o prazo de inscrición para participar nas actividades infantís dos Centros Cívicos de Ourense
Desde esta mesma mañá, todas as persoas interesadas en participar nas actividades de verán 2015 na Rede de Centros Cívicos Municipal, xa poden formalizar a súa inscrición de xeito gratuíto. Os centros cívicos de Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo acollerán de luns a venres nos meses de xullo e agosto entre as 10:30 e as 13:30 h actividades destinadas a nenas e nenos empadroados en Ourense.
Así, desde hoxe e ata o 15 de xuño pódese formalizar a inscrición entregando no Rexistro Xeral do Concello a solicitude, a recoller nos Centros Cívicos ou na Oficina de Atención Cidadá.
Quincenas temáticas
Os grupos serán de 25 nenos e nenas, distribuídos en quincenas. Estas serán temáticas, celebrándose actividades de carácter lúdico e educativo (manualidades, xogos, contacontos,…), relacionadas cos temas que dan título a cada unha.
Do 1 ao 15 de xullo: O mundo da maxia. A vida máxica.
Do 16 ao 31 de xullo: Unha viaxe espacial. O universo.
Do 3 ao 14 de agosto: O mundo da arte: a pintura, a música, a escultura.
Do 17 ao 31 de agosto: A volta ao mundo. Culturas, paisaxe, xente.











