Abegondo esixe a Telefónica unha solución para os veciños que levan sen liña desde abril
O Concello de Abegondo reclama a Telefónica que adopte as actuacións necesarias “de forma urxente” para restablecer o servizo en zonas do municipio que carecen de liña desde o mes de abril. Isto está a ocasionar innumerables molestias aos veciños, que ademais non reciben información algunha que esclareza a avaría.
En concreto, son dúas as zonas máis afectadas por estes problemas: Meangos, case na súa totalidade, e varios núcleos de Orto, estes últimos desde o mes de maio.
O Concello, a través da súa Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) está a tramitar as reclamacións dos particulares ante Consumo. Son máis de 20 os residentes que se puxeron en contacto co departamento para canalizar as súas reclamacións.
O alcalde, José Antonio Santiso, anima aos veciños afectados a dirixirse ao Concello para recibir todo o apoio e sumar a súa reclamación tentando facer forza ante a compañía de teléfonos. O rexedor espera que a empresa “tome medidas inmediatas” para evitar máis prexuízos aos veciños.
En abril tamén sufriron cortes os veciños de Cullergondo, pero liquidáronse nese mesmo mes.
Segundo puido saber o Concello, esta situación xerou dificultades a veciños maiores para pedir cita ao médico. Ademais, tamén afecta o servizo de internet.