ABANCA e Fecimo facilitan o crédito á pequena empresa para incrementar as vendas
ABANCA e a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo) veñen de asinar un novo convenio que reforza a súa colaboración e permite facilitar o crédito a profesionais desta comarca galega. Os representantes de Fecimo, Xosé Bangueses García, Ana María Ave Estévez, Enrique Avilés Nores, María Núñez Jalda e Pablo Pazos Santaclara, e o director territorial de ABANCA en Vigo, Jorge Martínez Martínez, rubricaron hoxe un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial do sur da provincia de Pontevedra.
O convenio facilita que os emprendedores asociados a accedan a condicións melloradas na contratación de produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, avais ou liñas de desconto. O documento asinado tamén pon a disposición dos empresarios a comercialización de produtos específicos da entidade como CrediFecimo-Crediventa ou compras especiais (a través das tarxetas de crédito) para dinamizar a actividade mercantil.
Os profesionais pertencentes a esta asociación tamén se beneficiarán de tarifas personalizadas na alta e o mantemento de Terminais no Punto de Venda (TPV) e poderán acceder ás vantaxes que ofrece o novo Programa Cero Comisións, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.
A entidade tamén porá a disposición de todos os asociados xestores especializados en materia de seguros ou banca electrónica. Desta maneira, dende as oficinas de ABANCA facilitarase a información relativa ás opcións de financiamento a través do convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, así como outros convenio do ICO, Igape e SGR. Fecimo agrupa os intereses dos profesionais e a pequena e mediana empresa da comarca do Morrazo, que exercen a súa actividade en sectores estratéxicos como o comercio, a hostalería e a industria, entre outros. A naceu no ano 2000 e inclúe a Asociación de Comerciantes e Industriais de Bueu (ACIBU), a Asociación de Comerciantes, Industriais e Hostalería de Cangas (ACICA), a Asociación de Comerciantes e Industriais de Moaña (ACIMO) e a Asociación de Empresarios do Parque Industrial de Castiñeiras – Bueu (AEPICAS). ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas en Galicia e cunha oferta axeitada para autónomos e pemes.
Apoio aos actos de Fecimo
Ademais do acordo financeiro, ABANCA e Fecimo tamén expresaron á súa vontade de colaboración en materia de organización de actos. O banco con sede en Galicia participará na promoción de actos de gran relevancia como a V Gala do Comercio do Morrazo, a Feira de Oportunidades do Morrazo ou a IV Pasarela de Moda Amodiña. Tamén colaborarán nos proxectos “compranomorrazo.com” e no Plan de promoción dos recursos turísticos.











