publicidade hoxe

A Xunta transfírelle ao Concello do Carballiño catro rúas do núcleo urbano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se transfire a titularidade ao Concello do Carballiño a titularidade de catro rúas do núcleo urbano do municipio. Dese xeito, a Administración local pasará a ser titular das rúas Ourense, Conde Vallellano, Julio Rodríguez Soto e Martínez Avellanosa.

As rúas transferidas correspóndense cun resto da estrada N-541 (variante do Carballiño) e un resto da estrada OU-202 e o cambio de titularidade realízase en resposta á solicitude do Concello, por seren treitos de antigas estradas autonómicas que discorren polo centro urbano deste núcleo.

Trátase do resto da estrada N-541, coñecida como variante do Carballiño, entre o límite co termo municipal de Maside e a intersección coa estrada OU-208 (Partovia – O Carballiño). O treito correspóndese coas rúas Ourense, Conde Vallellano e a avenida Julio Rodríguez Soto e ten unha lonxitude de 1.090 metros. Tamén figura nesta cesión a antiga estrada OU-202, situada entre a actual N-541 e a N-541 (na confluencia coas rúas Conde Vallellano e Av. Julio Rodríguez Soto), que se corresponde coa rúa Martínez Avellanosa, de 370 metros de lonxitude. 

Co cambio de titularidade, o Concello do Carballiño poderá actuar sobre estas vías, que pasan a ser de titularidade municipal, de modo acorde coas súas características urbanas. Cómpre lembrar que a Axencia Galega de Infraestruturas acometeu as melloras solicitadas por este municipio ourensán en materia de firme e na sinalización. 

O cambio tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece que deberá ser aprobado por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas. 

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG), mediante a sinatura da correspondente acta de entrega. 

Corresponderán ao Concello do Carballiño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos treitos sinalados, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular.

18 de xuño de 2015 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.