A Xunta ofrece en Curtis información sobre o programa ‘Galeuropa’ dirixido a xóvenes
O prazo de inscrición para solicitar unha praza no programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa remata o próximo 15 de xullo. A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe o Espazo Xove de Curtis onde ofreceu información sobre esta iniciativa á que a Consellería de Traballo e Benestar destina preto dun millón de euros.
A actuación enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. Ten por obxecto a concesión de axudas para proxectos de mobilidade dirixidos a mozos e mozas menores de 25 anos para a realización de prácticas formativas non remuneradas en entidades ou empresas de 31 países europeos.
Esta convocatoria de mobilidade trasnacional xuvenil responde ao traballo en rede de distintas entidades de países europeos e está liderada polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de Alemaña. Poderán realizarse nos seguintes países: Lituania, Hungría, Letonia, Estonia, Turquía, R. Checa, Croacia, Eslovenia, Bulgaria, Romanía, Portugal, Eslovaquia, Malta, Grecia, Bélxica, Luxemburgo, Chipre, Alemaña, Austria, Países Baixos, Italia, Polonia, Francia, Islandia, Suecia, Finlandia, Liechtenstein, Irlanda, Reino Unido, Dinamarca e Noruega.
Os participantes deberán estar inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e cumprir os seguintes requisitos: non ter traballado nin recibido accións formativas de máis de 40 horas nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.
Con este programa preténdese promover e axudar a financiar a mobilidade da mocidade galega para que realice estadías de prácticas formativas non remuneradas en entidades ou empresas públicas ou privadas de países europeos enumerados nas táboas de cada convocatoria de axudas, ben directamente concedendo axudas individuais aos mozos e mozas participantes ou mediante concesión de axudas a proxectos de mobilidade de concellos ou de entidades sen ánimo de lucro que desenvolven actividades no eido da xuventude.
A finalidade do programa de mobilidade trasnacional xuvenil é reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais dos mozos, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo, ao tempo que se apoia a adquisición de competencias en idiomas estranxeiros.
A directora xeral recordou que “o Plan de Emprego Xuvenil da Xunta de Galicia destaca que a mobilidade, tanto nacional como europea, pode constituír un elemento fundamental na formación dos mozos e mozas, tanto pola experiencia adquirida como polo apoio que pode supoñer na aprendizaxe dun idioma estranxeiro”.