publicidade hoxe

A Xunta destina 23.000 euros á realización de obras de mellora en dous institutos de Arteixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArteixo
A-
A+
Belén do Campo na visita a un dos institutos

Belén do Campo na visita a un dos institutos

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o instituto de Educación Secundaria (IES) de Pastoriza para supervisar o avance das obras de mellora e acondicionamento que se están a levar a cabo desde hai uns días por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Noutro instituto do concello, o IES Manuel Murguía, tamén se realizarán traballos deste tipo nas vindeiras semanas. O investimento total para os dous centros é de 23.774 euros.

Do Campo percorreu as dependencias educativas acompañada polo alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, e a directora do centro, Antonia Pascual. A delegada territorial destacou que estas actuacións nos IES arteixáns inclúense no paquete de intervencións programado pola Xefatura Territorial de Educación de posta a punto dos centros educativos da provincia para o comezo do vindeiro curso.

Por unha banda, nas instalacións de Pastoriza, as obras están a consistir na reparación de fendas, na mellora dos alicatados e no arranxo das beirarrúas do perímetro do centro, mentres que no IES Manuel Murguía, a partir do 1 de xullo, procederase a acondicionar os aleiros de formigón para evitar desprendementos.

Segundo explicou a máxima representante do Goberno galego na provincia, decidiuse acometer a execución destes traballos durante o período non lectivo das vacacións de verán, co fin de non interferir na actividade académica. As previsións dos técnicos do departamento autonómico indican que estas intervencións quedarán rematadas antes do mes de agosto.

Con estas actuacións, a Xunta está a “dar resposta ás necesidades educativas detectadas no municipio, cumprindo o compromiso adquirido coas comunidades educativas de cada centro, coas que se consensuaron estas medidas”, indicou Do Campo. Na mesma liña, subliñou que o “Executivo autonómico traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo de mestres e alumnos”.

25 de xuño de 2015 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.