A Xunta dá luz verde á modificación do PXOM de Santiago para recoller un camiño na rúa das Penas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas outorgou aprobación definitiva á Modificación Puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Santiago de Compostela, na rúa das Penas, en Aríns. O Concello de Santiago de Compostela remitiu a modificación conforme ao disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de Ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, co fin de corrixir un erro de grafado correspondente a un acceso existente, pero que non foi recollido no PXOM de 2007.

Deste xeito, a modificación puntual recoñece o citado camiño na rúa das Penas e finalmente o PXOM dá acceso á parcela de 1.750 m2 de solo urbano que debido ao erro anteriormente non quedaba conectada coa rede viaria.

O plano de ordenación do PXOM vixente grafa especificamente as aliñacións da rede viaria, cunha liña vermella, sen incluír o camiño descrito no número anterior, de xeito que a parcela obxecto da modificación non tiña contacto coa rede viaria prevista para o solo urbano no PXOM.

Cómpre sinalar que o Concello de Santiago conta cun Plan Xeral aprobado definitivamente en 2007. Esta modificación puntual foi aprobada provisionalmente por acordo do concello en pleno o 4 de marzo de 2015.

19 de xuño de 2015 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.