A Xunta avanza na coordinación dos organismos de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
López Abella no CRI de Santiago. Foto: A. Varela

López Abella no CRI de Santiago. Foto: A. Varela

Un total de 16 profesionais que desenvolven o seu traballo en relación directa con menores e familias nos Gabinetes de Orientación Familiar (GOF) e nos Puntos de Encontro Familiar (PEF) da Xunta participaron hoxe nunha xornada formativa – informativa na área de violencia de xénero, organizada pola Secretaría xeral da Igualdade e a Consellería de Traballo e Benestar.

O obxectivo foi que este persoal coñecera in situ un recurso que o Goberno autonómico puxo en marcha hai un ano para traballar de xeito integral coas mulleres que viviron situacións de violencia e coas súas fillas e fillos: O Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren Violencia de Xénero (CRI). Por iso, antes da xornada o persoal dependente de Traballo e Benestar visitou as súas instalacións en compañía da titular de Igualdade, Susana López Abella.

Ademais, a xornada tamén serviu para facilitar a coordinación entre os distintos organismos de apoio ás mulleres. Nese sentido, segue a estela doutros encontros que se teñen celebrado no CRI nos últimos meses como, por exemplo, o que houbo cos representantes de todos os centros que conforman a Rede Galega de Acollemento ou co persoal dos máis de 80 Centros de Información á Muller de Galicia.

Centro de Recuperación Integral

O Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren Violencia de Xénero configúrase coma un centro de referencia e innovador, que ofrece un modelo de atención integral ás vítimas de violencia de xénero desde o inicio do proceso ata a súa completa recuperación. A día de hoxe o CRI presta asistencia a 27 mulleres, 30 menores e 7 persoas do entorno familiar destas mulleres que sofren violencia de xénero.

Aínda que ten a súa sede en Santiago, dá servizo a mulleres vítimas de violencia que residen en toda Galicia e ás persoas ao seu cargo, especialmente ao seus fillos e fillas. Baixo a dirección do CRI, un equipo multidisciplinar e especializado encargase de asistir ás vítimas e atender as súas demandas nas áreas de intervención psicolóxica, xurídica e social.

Menores e Familia

Os puntos de encontro familiar constitúen un equipamento social, de carácter neutral, especializado para o cumprimento do réxime de visitas establecido pola autoridade competente coa finalidade de favorecer a relación entre as nenas e nenos e as súas familias cando exista unha situación de separación, divorcio, tutela o calquera outro suposto de interrupción da convivencia familiar. A intervención que se realiza nestes servizos é de carácter temporal e desenvolvida por profesionais. O obxectivo último é a normalización da situación conflitiva. Galicia conta na actualidade con sete centros, ubicados nas sete grandes cidades.

Os gabinetes de orientación familiar (GOF) constitúen un recurso especializado no apoio e na promoción da calidade de vida das persoas e das familias, e na atención e prevención das diferentes situacións problemáticas que se poidan dar no ámbito da convivencia cotiá. En Galicia existen catro, ubicados na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Ademais, en 2012 púxose en marcha un GOF virtual na páxina web http://www.familiasgalegas.org/nova venta.

Este servizo ‘online’ proporciona ás familias ou calquera persoa interesada, de maneira gratuíta, información e asesoramento sobre diversas cuestións, como servizos, recursos sociais, programas, disposicións legais, por parte de persoas profesionais especializadas no ámbito da familia e a infancia. Para atender este recurso ‘online’, cóntase coa colaboración do GOF de Lugo.

9 de xuño de 2015 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.