publicidade hoxe

A Xunta adxudica as obras de saneamento de Pereiro-Cadrelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de adxudicarlle as obras da rede de sumidoiros nas zonas do Pereiro e Cadrelo (Marín) á empresa Narom, S.L. O orzamento de adxudicación alcanza os 390.000 euros. O saneamento iniciarase dentro dun mes e medio, aproximadamente. O seu prazo de execución será de catro meses, tal e como anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, nunha visita ao Concello de Marín.

Esta actuación forma parte do proxecto de saneamento en Pereiro-O Pozo. Concretamente trátase do segundo dos proxectos, o cal mellorará o saneamento nos núcleos de Pereiro-Cadrelo, mentres que o primeiro é relativo ao saneamento de Pereiro-O Pozo. A estes dous hailles que engadir as obras da rede de Marín, coa mellora do colector xeral e unha nova impulsión que ten por finalidade a optimización da xestión de pluviais e a eliminación de infiltración nas redes municipais. Todas elas suman un importe de 3,8 millóns de euros e están recollidas no convenio asinado en 2010 entre a Xunta e o Concello de Marín.

Na Área do Pereiro executarase un colector cunha lonxitude de case 300 metros, que é a prolongación da rede O Pereiro– O Pozo e 3 ramais. Na Área de Cadrelo executaranse dous novos ramais cunha lonxitude de 530 metros, unha estación de bombeo e unha impulsión. A estación de bombeo construirase en formigón armado. Estará dotada con dúas bombas somerxidas protexidas por cestón de groxos e terá cámara de válvulas. 

Pereiro-O Pozo

Augas de Galicia iniciou no mes de maio as obras de rede de sumidoiros en Pereiro-O Pozo, no Concello de Marín, adxudicadas a principios de marzo por un importe de 522.000 euros, á empresa Sevitec Medioambiente, SL, e que facilitará a posta en servizo da infraestrutura xa rematada de Miñán-A Esperela. 

As obras consisten na instalación de case un quilómetro (940 metros) de colectores por gravidade, e dous bombeos: un cunha capacidade de 3,5 litros/segundo e outro de 11.8 l/s. Dende cada un dos bombeos parte unha impulsión de 215 e 485 metros de lonxitude respectivamente. Todo isto para unir os núcleos de Pereiro e o Pozo.

25 de xuño de 2015 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.