A ximnasia e o ciclismo centran a axenda deportiva do domingo en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello e o clube Biela e Chaveta organizan para este domingo 14 de xuño a decimosegunda edición da Roda cicloturista. Un evento aberto a toda a familia que sairá do colexio público ás 11 da mañá para percorrer sen présa e sen moito esforzo 13 quilómetros do noso territorio. A inscrición pode facerse na Casa da Cultura ou no punto de encontro ata minutos antes da saída. Porén, esta non será a única proposta deportiva da xornada. Media hora despois de arrancar as bicis, ás 11.30h., comezará no pavillón municipal o I Torneo de ximnasia rítmica Brío, organizado por esta asociación e tamén coa colaboración do Concello.

A ruta cicloturista non é unha competición, senón un encontro de todos os amantes das dúas rodas para gozar dun paseo de lecer por San Sadurniño. É gratuíta e pode participar nela calquera persoa maior de seis anos. Só fai falla apuntarse na Casa da Cultura ou o mesmo día da excursión no punto de saída. A inscrición é imprescindible para ter a cobertura do seguro de responsabilidade civil e de accidentes suscrito pola organización para o evento.

A roda botará a andar o domingo ás 11 da mañá de diante do colexio público de San Sadurniño. É obrigatorio o uso do casco e cómpre ter en conta que o tráfico non estará pechado durante o percorrido. Tamén é norma que ningún participante poida abandonar a ruta sen antes comunicarllo á organización. O regulamento entende que as persoas inscritas son responsables desde un punto de vista legal e que participan na roda a título persoal como excursionistas. 

O itinerario percorrerá o núcleo de San Sadurniño, o paseo fluvial, a Bidueda -pasando por diante de Intasa-, logo subirá a Raña e a Gándara e despois collerá a Souto Calvo para despois volver pola estrada de Ferreira. A liña de chegada tamén estará situada no colexio.

A decimosegunda edición da Roda cicloturista está organizada en colaboración co clube ciclista MTB Biela e Chaveta, dentro do convenio anual suscrito co Concello para impulsar o deporte das dúas rodas no municipio. Ademais, no evento tamén colaboran firmas comerciais -Bike Works, Triscos e Fíos, DZINE, Café del Palacio, Taxis Naraío, Arpón, Peluquería Santos, Emoluz, Restaurante Riboira e Construcións e reformas Toño-, ademais da Deputación da Coruña.

Rítmica no pavillón

A novidade deste domingo é a celebración do I Torneo de ximnasia rítmica Brío. Unha disciplina que pouco a pouco vai callando entre as preferencias de nenos e nenas grazas ao traballo que desenvolve esta asociación creada como tal recentemente para promover tanto a ximnasia como o baile moderno en San Sadurniño.

O equipo de nenas leva colleitado varios éxitos deportivos e tanto a sección ximnástica como a de baile participan habitualmente en exhibicións por toda Galicia. Agora van un paso máis aló e asumen a responsabilidade de organizar na casa un torneo no que participarán agrupacións de toda a volta e doutras zonas do país. Comezará ás 11.30h. e desenvolverase durante toda a mañá nas modalidades de conxuntos e individuais. Trátase dun encontro de equipos en idade escolar, de feito participarán deportistas das categorías prebenxamín, benxamín e alevín.

Igual que o ciclismo, este torneo tamén conta co patrocinio municipal e de varias casas comerciais: a Cooperativa de Meirás, o Mesón A Granxa, Metalfra, Álex Coira Fotografía, Academia San Sadurniño, Transportes Chao, Construcións e reformas Daylu, Libraría Brétema e Café Panadería Inxerto. Colaboran, ademais, Café del Palacio, Farmacia San Sadurniño, Café DZINE, Cafetería Atrium e Almacenes Luís Calvo.

11 de xuño de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.