A VIII Marcha Popular Ciclista Pedalada Ártabra provocará cortes no Paseo Marítimo
A VIII Marcha popular Ciclista Pedalada Ártabra, que se celebra mañá sábado durante todo o día, ocasionará incidencias no tráfico polos cortes que se producirán no Paseo Marítimo, que entre as 17.00 e as 20.00 horas estará pechado desde o ascensor panorámico ata a glorieta do Portiño. Tamén haberá cortes puntuais nas outras rúas do percorrido, pero serán moi breves.
Os ciclistas sairán da praza do pavillón dos Deportes ás 10.30 horas e percorrerán, ata as 12.30 horas, as rúas de Manuel Murguía (con parada na glorieta do Pavo Real para reagrupamento), rolda de Outeiro cara ao Milenium (con nova parada para reagrupamento á altura da avenida de Gran Canaria) e Paseo Marítimo, para volver ao pavillón de Riazor. Ás 15.00, os participantes partirán da coraza de Riazor cara ás Esclavas, Manuel Murguía e avenida do Deportivo rumbo ás Rañas. O regreso, desde as 17.00 ata as 20.00 horas, discorrerá polos accesos á depuradora de Bens, O Portiño e o Paseo Marítimo. Desde o Monte de San Pedro reservarase un carril ata chegar á altura da rúa Almirante Eulate, onde se xirará á esquerda por detrás das Esclavas para facer meta na Coraza.
A recomendación para entrar e saír do Portiño é empregar a estrada de Los Fuertes, Os Rosales, avenida de Gran Canaria e rolda de Outeiro.











