A Sociedade Ximnástica rozou as medallas no Campionato Nacional Promesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

Os atletas da Sociedade Ximnástica estiveron moi preto das medallas, no Campionato de España Promesa disputado en Tarragona. Para empezar, tanto Rocío Rodríguez, como Alberto Guerrero fixeron unhas fantásticas semifinais, meténdose con folgura nas súas respectivas finais; Rocío con 4.42.57, quedou terceira na súa serie de 1.500 metros, mentres que Alberto gañou a súa serie de 800 metros con 1.52.20.

Antes das finais das carreiras, Manuel Muíños non puido coa lesión de nocello que se produciu a semana pasada e aínda que o tentou, só puido superar o listón do salto de altura situado en 1,94; despois o nocello dixo basta e acabou en novena posición.

Rocío non se amedrentou na final feminina dos 1.500 metros e estivo a pelexar por unha medalla ata a recta final, terminando nunha magnífica marca de 4.39.28, a un segundo do seu rexistro persoal, pero no quinto lugar.

Alberto tamén fixo unha magnífica carreira nas dúas voltas á pista, a súa marca de 1.50.39, podería ser medalla pero ao final tivo que conformarse coa medalla de chocolate.

Non sempre se consegue subir ao podio, pero a tempada aínda non acabou e seguro que as Promesas aínda nos darán algunha alegría.

29 de xuño de 2015 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.