A Sociedade Ximnástica afrontará un duro encontro na División de Honra
A División de Honra do atletismo nacional terá o seu punto e final da tempada, este sábado pola tarde en Burgos, para o equipo masculino da Sociedade Ximnástica. Nesta xornada decisiva pola permanencia na máxima categoría no que os dous últimos Clubs descenden, o equipo pontevedrés acode coa metade dos seus compoñentes, xa que se cambia do modelo tradicional de encontros entre 4 equipos e dous atletas de cada equipo en cada proba, a un encontro con 8 equipos e un atleta de cada escuadra en cada disciplina.
Os pontevedreses presentan baixas como a de Alberto Salcedo que resultou lesionado na xornada anterior en Castelló e a de Sergio García, na mesma situación. Pola contra presentará un conxunto moi compacto con varios atletas que aspiran a gañar a súa proba.
Este tipo de encontros sempre resultan moi disputados, un cero non previsto nalgunha proba, pódete levar ao pozo, aínda que a Ximnástica terá o colchón dos 4 puntos que leva sumados na clasificación provisional; puntos aos que sumará o resultado final da competición, xa que o equipo gañador do encontro recibirá 8 puntos, o segundo 7 e así ata o oitavo que obterá 1 punto.
O director técnico Pablo Díaz, convocou a: Gonzalo Sánchez, Darío Costas, Eduardo Gallardo, Alberto Guerrero, David Martínez, Emilio Martín, Iván Blanco, Ignacio Sarmiento, Julián Ortiz, Manuel Molinos, Santi Ferrer Alonso, David Ferrer, Lysvanys Pérez, David Rocha, Manuel Castellanos, Víctor Gallego, Martín Brea, Ángel Vargas, Alfonso Pérez e David Veiga.
Xunto coa Ximnástica, Pamplona, Catalunya de Barcelona e Nerja de Málaga; tamén acoden con 4 puntos cada un na clasificación; mentres que Celta de Vigo, Sabadell, Burgos e Monzón de Huesca; figuran con 2 puntos e será moita carambola que entre eles non estean os dous equipos que descenden a Primeira División.
Emilio Martín e Alberto Guerreiro tiveron ao vento como inimigo no Meeting de Huelva
Huelva converteuse de novo, na tarde-noite onubensa, nunha festa do atletismo, coa disputa do Meeting internacional de atletismo. Dous atletas da Sociedade Ximnástica estiveron nesta importante cita do calendario con moi bos resultados, Alberto Guerreiro con 1.49.21 nos 800 metros, mellorou a súa marca persoal da distancia; mentres que Emilio Martín correu en 14 minutos e 6 segundos os 5.000 metros.
Unha moi boa impresión a dos atletas da veterana Sociedade, a dous días da súa participación co equipo lerezano na División de Honra.











