A sede do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas acolle a mostra itinerante ‘Un mar de datos’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, trasladouse esta mañá ata a sede do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas onde, dende inicios deste mes e ata o 30 de xuño, o edificio Cambón acolle a exposición itinerante Un mar de datos, que recolle os descubrimentos máis importantes da Expedición Malaspina de investigación oceanográfica.

A través de 22 paneis, os interesados poderán coñecer esta mostra de carácter divulgativo onde descubrirán achados científicos como que a acidez do océano aumentou un 30% desde a revolución industrial; que existen unhas dez veces máis de peces do que se pensaba ou que no 88% da superficie oceánica muestreada apareceron plásticos flotando.

Bravo Bosch, acompañada polo director do Parque Nacional, José Antonio Fernández Bouzas, animou a todos os visitantes pero tamén aos vigueses e viguesas a coñecer este interesante proxecto de investigación que chega a Vigo tras solicitalo ao CSIC para, coma dixo, amosar publicamente esta expedición dirixida á divulgación, fomento da cultura e vocacións científicas e a docencia. Ata a data, xa pasaron pola mostra preto de 1.000 persoas incluíndo as visitas de nenos e nenas de centros escolares ou grupos de colectivos e asociacións que así o solicitaron. Ademais, e coma lembrou o director do Parque, no que levamos de ano o Centro de Interpretación de Visitantes recibiu a preto de 5.000 visitantes.

Foi o 15 de decembro de 2010 cando máis de 250 investigadores e investigadoras iniciaron, a bordo dos buques de investigación oceanográfica Hespérides e Sarmiento de Gamboa, a expedición Malaspina, que os levou a percorrer o mundo en diferentes etapas durante nove meses. O obxectivo era coñecer o impacto do cambio global no océano e explorar a biodiversidade mariña.

No periplo, o equipo investigador requiriu o uso de múltiples e variados instrumentos para recoller, observar, medir, analizar e avaliar as características do entorno mariño acumulando así innumerables datos cos que constatou a presenza de contaminantes en todos os puntos nos que tomaron mostras, deducindo que o transporte atmosférico de substancias fai que estas estean presentes mesmo en alta mar.

Así mesmo, comprobouse que microorganismos como bacterias, esporas de fungos, pole ou células de fitoplancto tamén ‘viaxan’ polo aire cubrindo distancias que poden superar os 5.000 quilómetros. Para todo isto, despregaron polo océano 59 boias de observación para analizar durante 3 anos as características da auga e describir a dinámica das masas de auga.

De carácter interdisciplinar, o proxecto Malaspina foi un fito na investigación en ciencias mariñas. Pero, ademais, xuntou ao traballo científico coa formación de mozos investigadores e o fomento da cultura científica na sociedade. O proxecto pertence ao Programa Consolider-Inxenio 2010 e foi liderado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en estreita colaboración coa Armada Española e a Fundación BBVA.

O edificio Cambón
Situado no Casco Vello vigués, este edificio intensifica a súa actividade no verán por medio de diversas iniciativas que buscan crear conciencia en favor da visita sostible dos arquipélagos que forman este marabilloso entorno, Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora. O horario de apertura é de luns a sábado, de 10.00h a 14.00h e de 17.00h a 21.00h.

É convinte lembrar que este complexo consta de tres plantas dedicadas plenamente as Illas. Así, na planta baixa atopamos unha recreación da biodiversidade nocturna destes arquipélagos, e a súa xeoloxía, entre outras cousas. No primeiro andar poderase dispor dunha serie de aplicacións multimedia que che ofrecen unha especie de visita virtual. O segundo andar facilita vídeos e releves das paisaxes de cada unha das illas ; e por último, no terceiro andar atopase a información cultural e etnográfica.

22 de xuño de 2015 | 11:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.