A rúa Juan Flórez cortarase ao tráfico pola colocación dos últimos tramos da escaleira mecánica de Mestre Clavé

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A colocación de tres módulos de escaleiras mecánicas na parte inferior e intermedia da rúa Mestre Clavé producirá esta noite cortes de tráfico do tramo final da rúa Juan Flórez, en sentido saída a Alfonso Molina, desde as 23.30 horas e ata ben entrada a madrugada. Estes traballos súmanse aos de instalación dos dous primeiros tramos, o pasado mes de abril, e completan a posta en obra da totalidade da infraestrutura incluída no proxecto de mellora de mobilidade da rúa.

Ademais da instalación dos elementos mecánicos, a intervención abarca unha profunda remodelación do ámbito da rúa, xa que se reconstrúen e adaptan á normativa todos os tramos de escaleiras peonís, ao tempo que se executa unha nova rede de saneamento de fecais e se dota de rede de pluviais que resolve a recollida das augas de choiva, tanto das superficies pavimentadas da propia rúa como a procedente das cubertas dos edificios. Renóvase tamén a iluminación pública e dispóñense canalizacións para outros servizos (iluminación, telefonía, gas…) co obxectivo de eliminar no posible os cabos aéreos. Así mesmo, modifícase o cruzamento na zona superior, coa rúa Sinforiano López, remodelando os accesos peonís para mellorar as súas condicións de accesibilidade.

29 de xuño de 2015 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.