A praza de abastos da Guarda vive unha xornada festiva conmemorando o Día Europeo do Mercado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

O pasado sábado día 30 de maio conmemorouse na Praza de Abastos da Guarda o Día Europeo do Mercado cun showcooking e un reparto de agasallos entre os usuarios da praza. O sábado sempre é un día moi animado no mercado guardés e esta celebración fixo que aínda máis xente se animase a mercar os produtos de primeira calidade que ofrece esta praza.

A campaña “Come o Mar” promovido por “Mar Galaica” organizou, en colaboración co Concello da Guarda, un showcooking no que dous cociñeiros mostraron ós máis de vinte participantes na actividade, a maneira de preparar uns mexillóns con fabas e unha tempura de cabala. Os cociñeiros mostraron cada un dos pasos das receitas feitas e deixaron probar o resultado final ó público.

Por outra banda, a Xunta de Galicia, como fixo no resto de prazas da comunidade galega, repartiu diferentes agasallos entre os usuarios dos postos da Guarda. Así, ademais de mercar pescados, carnes e verduras de gran calidade, os veciños e veciñas da localidade, levaron as súas casas bolsas, caramelos ou globos conmemorativos do Día Europeo do Mercado.

2 de xuño de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.