A PonteNoite gana adeptos cada ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

O sábado pola noite celébrase en Pontevedra a carreira popular PonteNoite 5+5, encadrada no Circuíto de Carreiras do Concello de Pontevedra, que organiza o Instituto Municipal de Deportes, contando coa colaboración técnica da Sociedade Ximnástica de Pontevedra e que contará coa presenza de máis dun milleiro de corredores.

Pero este ano a PonteNoite vén chea de varias actividades importantes que darán animación e colorido a unha carreira que está a gañar adeptos a cada ano.

Ás oito da noite comezarán a máster clase de Zumba, para ir quentando os músculos. Ás oito e media celebraranse as carreiras para os máis pequenos, desde os cero aos 17 anos, con distancias acordes a cada nivel e aos que se poderán apuntar na casa do Concello da praza de España, ata media hora antes da carreira.

Preto das nove da noite celebrarase a “Run for Parkinson´s”, unha carreira especial de 600 metros, que servirá para concienciarnos da enfermidade do Parkinson.

Ás nove e vinte da noite darase a saída á modalidade de cadeiras de rodas do Hanbak, para dez minutos máis tarde comezar a de 10.000 metros, con dúas voltas a un circuíto polo centro de Pontevedra e cinco minutos despois, para aqueles que non se atrevan a esta distancia, unha de 5 quilómetros con só unha volta ao circuíto.

Ferrol celebra o Campionato de Galicia individual dos máis pequenos

A pesar de concluír en maio as Escolas Municipais de Atletismo, a Sociedade Ximnástica de Pontevedra, mantivo adestrando durante estes primeiros días de xuño, aos novos atletas que máis destacaron durante o curso; para poder acudir ao Campionato de Galicia Benxamín, Alevín e Infantil. Son preto de 30 atletas os que estarán nas pistas da Malata e que se conseguiron clasificar entre os 16 mellores de Galicia nalgunhas das probas que se celebran. Ás 10 da mañá comezará un Campionato que terminará ás sete e media da tarde.

No Galego de Clubs destas categorías, que se celebrou hai uns días; varios atletas pontevedreses despuntaron nas primeiras posicións, o que nos pode indicar que se poderían conseguir a beiras do Atlántico, entre 5 e 10 medallas. 

Esgos celebra o Campionato de España de Montaña, o primeiro desta modalidade en terras galegas 

A localidade ourensá de Esgos, vén celebrando desde hai algúns anos, unha carreira de Montaña, as subida Rocas O Eirado, para os atletas que queren escapar un pouco do asfalto e penetrarse por terreos naturais. O éxito foi chegando aos poucos e o vindeiro domingo será tamén Campionato de España.

A Sociedade Ximnástica de Pontevedra, contará coa presenza de Iván Docampo e Jesús Hermelo; que tentarán coarse entre os mellores; ademais Iván coñece moi ben o terreo xa que gañou algunha vez esta carreira.

Tamén será Campionato de Galicia da especialidade.

12 de xuño de 2015 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.