A Policía traballa arreo para aclarar a morte da veciña de Ourense que presentaba un golpe na cabeza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+
Europa Press

O subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, subliñou este luns que as forzas da seguridade do Estado “traballan arreo” para esclarecer a autoría da morte da muller Socorro P.R., de 48 anos, debido a un “golpe importante” que presentaba na cabeza.

“Está a investigarse con todos os medios para dar cos responsables”, asegurou Castro, en declaracións, quen, sobre o sucedido, aludiu ao segredo de sumario para confirmar unicamente a “morte violenta” da muller, que permanecía desaparecida desde facía un mes.

“Todo parece indicar que un golpe importante na cabeza pode ser a causa da morte”, comentou o subdelegado do Goberno en Ourense en relación á causa da morte por mor da autopsia.

Ademais, indicou que, debido ao estado do corpo cando foi localizado este fin de semana, descártase unha morte recente. “Parece que se produciu días atrás”, apostilou á espera dos resultados das pescudas.

Castro trasladou as súas “condolencias” á familia da vítima e transmitiulles que os corpos de seguridade do Estado “traballan arreo para dar cos responsables da morte”. Así, apelou a “non interferir” no traballo que desenvolve a Policía Nacional para esclarecer o crime e “dar canto antes cos responsables”.

ACHADO

Un equipo de procura achou o cadáver da muller semioculto por maleza sobre as 9,30 horas do sábado na zona do seminario, en Reza, cuxa identidade foi confirmada tras realizarlle a autopsia.

A investigación permanece aberta desde a denuncia dos pais da vítima, o 5 de maio, e no marco dela tomouse declaración a distintas persoas para seguir as pescudas.

A familia de Socorro manifestara que nada lles levaba a comprender que lle puido ocorrer á muller que desapareceu a principios de maio e mostrou a súa “estrañeza” por que sucedese algo así. A desaparecida pasara a tarde do domingo previo á súa desaparición nun balneario coa súa nai.

8 de xuño de 2015 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.