A Policía Local de Vilagarcía informa sobre as normas de seguridade para previr accidentes na condución de tractores
O Concello de Vilagarcía é un dos 60 municipios de Galicia que participan na campaña de prevención de riscos no tractor posta en marcha polo Instituto galego de Seguridade Laboral en colaboración coa Xunta de Galicia. A Policía Local é a encargada de informar á poboación, especialmente nas parroquias do rural, sobre as normas de seguridade que deben seguir para evitar accidentes tanto á hora de traballar co tractor, como á hora de circular con eles por camiños ou estradas.
Esta campaña xurde ante o incremento de accidentes con danos persoais e incluso mortes rexistrados nos últimos anos. O obxectivo da mesma é alertar e concienciar á poboación, especialmente a das zonas do rural nas que usa este vehículo de traballo, dos riscos que conleva o uso do tractor e dos seus apeiros e informar de cales son as causas máis recorrentes dos sinistros. A campaña tamén pretende achegarlles recomendacións básicas, que de terse sempre en conta evitarían os accidentes, ou cando menos, minimizarían as súas consecuencias, xa que moitas veces as lesións son graves e mortais.
A información coas normas e consellos a seguir refírese a catro aspectos. O primeiro é o relativo á seguridade viaria e inclúe tanto as normas de circulación por vía pública (velocidade, sinalización, número de pasaxeiros…) como os requisitos para poder conducir un tractor (carné, ITV, elementos de seguridade…).
O segundo bloque fai referencia ás medidas de protección da toma de forza; mentres que o terceiro e o cuarto concretan as medidas de protección do tractor fronte á envorcadura e os consellos que se deben seguir para evitar este frecuente accidente.
A Policía Local distribuirá carteis informativos e outro material da campaña polos centros socioulturais das parroquias.
Segundo as estatísticas das que dispón o ISSGA, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, o 95% dos sinistros os sofren persoas maiores do medio rural que usan o tractor, aínda que xa non formen parte do mercado laboral. Neste sentido, máis do 52% dos sinistros mortais sófrenos persoas maiores de 65 anos.











