A nova zona experimental de Punta Langosteira sitúa a galicia á vangarda de Europa na enerxía undimotriz

Francisco Conde na visita a Punta Langosteira
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, coñeceu, acompañado polo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Losada, a nova zona experimental de enerxía undimotriz que se habilita hoxe en Punta Langosteira e que, segundo resaltou, sitúa a Galicia “á vangarda de Europa” na investigación deste tipo de enerxía.
Esta área, subliñou Conde, enmárcase no contexto do proxecto europeo Energy Mare, que está a liderar a Xunta, a través do Inega, e que se centra na análise das posibilidades que ofrecen as enerxías renovables mariñas. Neste contexto, o conselleiro explicou que a zona permitirá probar prototipos en condicións de funcionamento reais, facilitando validar deseños, compoñentes e materiais para avaliar a súa viabilidade.
O titular de Economía e Industria apuntou ás características do litoral, o seu alto potencial enerxético, a adecuada interconexión eléctrica e a proximidade de parques empresariais como factores que levaron a escoller un área da que, en Europa, só Escocia e País Vasco ofrecen alternativas similares.
Conde subliñou que a nova zona, que suma 2,6 km2 de superficie, o equivalente a 370 campos de fútbol, abre importantes posibilidades a empresas, universidades e centros tecnolóxicos, promovendo o emprego dun recurso autóctono do que Galicia dispón dunha gran potencialidade.
“Galicia é a comunidade con maior potencial de desenvolvemento de enerxía undimotriz”, incidiu o conselleiro, quen explicou que dos 20 GW de potencial de enerxía das olas en España, Galicia suma o 35%.
Neste sentido, Conde sinalou que o proxecto Energy Mare permitirá, en liña co primeiro reto que persegue a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia – RIS3, aproveitar esta oportunidade, avanzando no estudo e o emprego da enerxía do mar. Un recurso que, como subliñou, ten no caso galego capacidade para xerar unha completa cadea de valor, impulsando novas tecnoloxías e aproveitando as sinerxías doutros sectores estratéxicos como o naval ou o enerxético.











